23 mar 2011

Probas diagnóstico

datos respostas proba A de matemáticas


Os días  11 e 12 de Maio vanse  realizar de novo as probas para a avaliación de diagnóstico.
Este curso avaliaranse as competencias lingüística, matemática e de coñecemento e interacción co mundo físico.
Vou lembrar a anterior e única proba que se fixo en Galicia hai 2 anos para avaliar a competencia matemática en 2º de ESO.
A dificultade xeral da proba de matemáticas pódese ver nos informes de resultados, dos que extraio as táboas adxuntas onde código 0 é a porcentaxe de alumnado de todo Galicia que respondeu mal á pregunta. Escandalosos os resultados, hai preguntas cun 70% de alumnado que non a sabe responder correctamente, a maioría das preguntas son respondidas incorrectamente por máis da metade do alumnado de Galicia. Non traballamos as matemáticas nas aulas? ou traballámolas mal? ou a proba era un despropósito? eu inclínome pola terceira opción.
A proba deseñada (opción A, opción B) para avaliar a competencia matemática constaba de 21 exercicios  tipo test a realizar en 60 minutos sen calculadora. Menos de 3 minutos para cada cuestión, para ler, decidir o procedemento axeitado, buscar datos, operar e responder, e moverse (que o alumnado de 12 e 13 anos móvese), pouco, moi pouco tempo.
Un exame tipo test parece un pouco raro para diagnosticar a competencia matemática onde as resolucións gráficas e os procesos de razoamento teñen tanta importancia. Nesta proba só se valorou se o resultado é correcto, sen ningún tipo de matiz ou referencia ao procedemento seguido. Toda a proba de matemáticas baseouse principalmente na resolución de problemas, sobre todo de problemas de proporcións. Considero a resolución de problemas importantísima dentro das matemáticas, pero tamén é necesario ensinar ao alumnado a operar, a traballar as expresións alxébricas, a resolver ecuacións, a operar fraccións, a desenvolver a xeometría etc. pois doutra maneira faltaríanlle ferramentas imprescindibles para poder resolver desigualdades, trigonometría, problemas de optimización etc.  A resolución de problemas é só unha parte do curriculum de matemáticas. Aínda así entendo que a resolución de problemas é un mundo amplio e diverso e polo tanto se podían tocar desde ela moitos temas que entran no curriculum. O peso  dos exercicios de proporcións nas probas é esaxerado frente a outros temas do curriculum. Ademais, se o obxectivo é a resolución de problemas reais, deberían deixar utilizar calculadora na proba como solicitou AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática). Tampouco me gustou nada o contexto masculino dos exercicios da opción B: fútbol, triatlón e  incendios. 
AGAPEMA na  valoración desta proba. pediu que se melloren as seguintes, pois iso, esperemos que na proba deste curso impere o sentidiño e midan o que queren medir con probas axeitadas ao nivel, ao curriculum e as competencias básicas e, por soposto, que deixen utilizar a calculadora, paréceme un desfase ter ordenadores na aula e non poder usar calculadora nunha proba deste tipo.

No hay comentarios: