8 mar. 2013

Muller e matemática

"Il faut, pour être heureux, s’être défait des préjugés, être vertueux, se bien porter, avoir des goûts et des passions, être susceptible d’illusions" 
 Émilie Du Châtelet, Discours sur le bonheur

Émilie de Breteuil nace en 1706 nunha familia aristocrática francesa, casa aos 19 anos con Florent Claude, Marqués Du Châtelet, militar da nobreza, co que ten 3 fillos. Frecuenta a corte de Luis XV en Versalles, morre aos 43 anos, 8 días despois do parto do seu 4º fillo.
Émilie tiña unha intelixencia privilexiada, aos 12 anos falaba italiano, español, alemán, inglés  e traducía textos do latín; estudiou a Descartes, a Leibniz, a Newton,..Tivo coma profesores aos matemáticos Maupertuis e Clairaut.
A Emilie du Chatelet gustoulle a diversión, a vida social, a arte, o teatro, a ópera, o coñecemento científico. Tivo unha vida mundana intensa, na que se lle coñecen numerosas relacións con homes da alta sociedade. É nesta época na que se viste de home para poder entrar nas tertulias científicas dos cafés de París.
Entre as súas relacións, está sempre presente a que mantén con Voltaire, co que vive en varias etapas da súa vida, de feito, no ano 1734 os dous instálanse a vivir no castelo de Cirey,  propiedade do marido de Émilie. Voltaire paga a reconstrucción do castelo, a transformación dos xardíns e formaron unha biblioteca con máis de dez mil volumes. Fan do castelo de Cirey o lugar de traballo intelectual de ambos e un centro de reunión cultural de Europa. Nesta etapa Chatelet estudiaba 10 horas diarias.
En 1739 a academia das ciencias de París convoca un premio para traballos de investigación sobre o lume. Voltaire e Chatelet preséntanse  ao concurso, individualmente, gaña o premio Euler, pero o traballo de Chatelet é considerado tan bo que a academia decide publicalo, converténdose a "Dissertation sur la nature et la propagation du Feu", no primeiro traballo científico dunha muller impreso pola Academia de Ciencias de París. Para esta memoria, Émilie  fixo multitude de experimentos na súa casa que describe no estudio.
Tamén escribiu Institutions de Physique”  un tratado de física moderna que dedica ao seu fillo, e que tivo grande difusión e gran éxito, incluso creou unha controversia na teoría de forzas co matemático Dortous de Mairan, sendo a primeira discusión científica de envergadura dunha muller cun home. Neste libro combinou as teorías de Newton, Descartes e Leibniz, tan enfrontadas nesa época.
No prólogo escribe esta preciosa reflexión:
« J'ai toujours pensé que le devoir le plus sacré des hommes était de donner à leurs enfants une éducation qui les empêchât dans un âge plus avancé de regretter  leur jeunesse, qui est le seul temps où l’on puisse véritablement s’instruire ; vous êtes, mon cher fils, dans cet âge heureux où l’esprit commence à penser, et dans lequel le cœur n’a pas encore des passions assez vives pour le troubler. »
Fixo unha traducción dunha obra satírica inglesa na que se reivindicaba o dereito á igualdade da muller "Sur la fable des abeilles" de Mandeville.
Escribiu o "Discurso sobre a felicidade", no que  fala de que a felicidade acádase co estudio, marcándose metas e loitando por elas e tamén dí que para acadala axudan moito os privilexios da riqueza, aunque é unha evidencia, paréceme importante que o diga unha muller privilexiada coma ela. 
A obra máis coñecida de Chatelet é a traducción do latín ao francés do Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica de Newton, pero non só pola traducción senón que explicou e ampliou algúns conceptos e incorporou os coñecementos e mesmo a notación usada por Leibniz  para explicar e facer máis entendible o libro de Newton. A día de hoxe sigue sendo a única traducción francesa deste libro.
En 1748 Emilie coñece ao poeta Marqués de Saint-Lambert, namorase e queda embarazada, no parto morre.
No ano 2006 dúas profesoras da Universidade París 12 organizaron unha exposición sobre ela, na que podedes seguir lendo desta impresionante muller, que é unha desas mulleres que fan que o mundo pareza mellor.  

No hay comentarios: