3 mar. 2013

Matemáticos franceses

Pascalina, máquina de calcular 1652, inventada por Pascal
Cando decidín facer un repaso polo poderío matemático de Francia, non pensei que ía atopar aí toda a miña formación matemática universitaria, pero si, aí están case todos os que me acompañaron durante os anos de carreira, púxennos como os coñeciamos, só polo apelido, apelidos repetidos en mil teoremas, en mil obxectos matemáticos. Aí vai un listado incompleto de poderío francés no campo da matemática.
Descartes (1596-1650) introduce a xeometría analítica, as coordenadas cartesianas e a xeometría alxebraica.
Fermat (1601-1665) xurista e matemático, estudiou os máximos e mínimos dunha función alxébrica e o cálculo da recta tanxente desde a xeometría analítica, pasou a posteridade pola afirmación de que a ecuación xn+yn=zn non ten solución enteira para n maior que 2.
Pascal (1623-1662) matemático, físico, filósofo, deseñou e construíu unha calculadora mecánica, vendeu 50 unidades, un dos fundadores da  teoría da probabilidade.
Marqués de l'Hôpital (1661–1704) atribúeselle (?) a regra de L'Hôpital, que se emprega para calcular limites e escribiu un tratado sobre cónicas que se usou durante 100 anos.
Rolle (1652-1719) dedicouse á teoría de ecuacións, destaca o teorema que leva o seu nome. Introduciu a notación da raíz enésima dun número coma a coñecemos hoxe.
Moivre (1667-1754), traballou en Inglaterra, en números complexos obtivo a fórmula de Moivre, os seus aportes principais son en teoría da probabilidade e na converxencia, en certos supostos, da lei binomial á normal.
D'Alembert (1717-1783) matemático e filósofo, creou, con Diderot, L'Encyclopédie e traballou no teorema fundamental da álxebra e nos números complexos. 
Émilie du Châtelet (1706-1749) matemática e física, traductora das obras de Newton e difusora das súas teorías.
Vandermonde (1735-1796) músico e químico coñecido por estudiar os determinantes e a resolución de ecuacións.
Lagrange, (1736-1813) matemático, físico e astrónomo italo-francés, presidiu a comisión que aprobou o Sistema Métrico Decimal, demostrou o teorema do valor medio, introduce a notación f´e f´´ para derivadas na súa teoría de funcións.
Laplace (1749-1827) astrónomo, físico e matemático, a seus traballos mais importantes foron no campo da probabilidade e o seu Tratado de mecánica celeste foi un compendio de todo o coñecemento astronómico da época.
Legendre (1752-1833) importantes contribucións na xeometría, na teoría de números, álxebra abstracta e análise matemático. Estivo na comisión que aprobou o SMD, e o seu libro de xeometría foi usado no ensino medio durante máis de 100 anos. Demostrou a ecuación de Fermat para n=5.
Fourier (1768-1830), matemático e físico, no seus estudios da propagación da calor nos corpos, acaba descompoñendo funcións en series trigonométricas para logo estudiar a súa converxencia, o que hoxe coñecemos coma análise de Fourier.
Sophie Germain (1776-1831) fixo importantes contribucións na teoría de números e na teoría da elasticidade de superficies. Demostrou unha parte da ecuación de Fermat 
Poisson (1781 -1840) físico e matemático e excelente profesor, estudiou teoría de probabilidade, astronomía.  
Cauchy (1789-1857) fixo un tremendo esforzo por formalizar a análise matemática, investigou a converxencia e diverxencia das sucesións e das series, tamén estudiou as ecuacións diferenciais, as funcións de variable complexa, precisou a definición de función, limite e continuidade case na forma actual.
Sarrus (1798 -1861) quixo estudiar medicina pero non obtivo o certificado de “boa vida e costumes” para ingresar na facultade, así que foi a matemáticas onde non se pedía tal cousa, coñecido pola regra de Sarrus para facer determinantes de orde 3.
Hermite (1822-1901) investigou na teoría de números, sobre formas cuadráticas, polinomios ortogonais, funcións de variable complexa, demostrou a transcendencia do número e.
Rouché (1832-1910) coñecido polo Teorema de Rouché sobre análise complexo e coautor do Teorema de Rouché–Frobenius.
Jordan (1838-1922) sistematiza o estudio de grupos iniciado por Galois, aproveita esta teoría para a xeometría, estudia as formas bilineais, establece un criterio de converxencia das series de Fourier,....
Poincaré (1854 –1912) matemático, físico, científico teórico e filósofo da ciencia. Considerado como pioneiro na topoloxía, estudiou as funcións de varias variables complexas, as ecuacións diferenciais, introduce noción de ideal e de álxebras envolventes.
Lebesgue (1875- 1941) introduce un novo tipo de integración, a integral de Lebesgue, que facilitará o estudio das series trigonométricas a da análise de Fourier.
Dieudonné (1906–1992) matemático integrante do grupo Bourbaki, estudiou os grupos de Lie e os espacios vectoriais topolóxicos, escribiu unha historia da matemática.
Nicolás Bourbaki(1935-    ) merece unha entrada aparte, para poder analizar a influencia deste pseudónimo colectivo na matemática do século XX e na formación dos  profes de mates que superamos os 50 anos.

No hay comentarios: