8 mar. 2017

Iguais?

Hoxe 8 marzo pouco que celebrar, máis ben insistir en que temos dous grandes asuntos pendentes: acadar a igualdade real entre home e muller (dereitos, salarios, traballo dentro e fora, trato,...) e parar a violencia machista.
Igualdade?  teño a sorte de traballar nun sector moi igualitario: accedemos ao ensino secundario coa mesma titulación, co mesmo sistema de acceso,  ao mesmo posto de traballo, co mesmo salario, con iguais obrigas, os mesmos dereitos, con iguais funcións, ... e ademais contamos coa sensibilidade de case todo o profesorado, pero.... pero a realidade é teimuda.
No meu centro somos 58% profesoras, 42% profesores,  titoras 64%, titores 36%. Elección? non, nomeamento, diferenza sutil, 6 puntos, parece que a labor máis ingrata do profesorado é mellor que a fagan as mulleres. Tamén hai pequenas diferenzas nos cursos que impartimos, curiosamente a maior presenza de mulleres por nivel prodúcese en 1º e 2º de ESO. Non son diferenzas escandalosas, estamos nunha profesión femeneizada, pero coidado con pensar que hai igualdade, nona hai.
No equipo directivo non hai ningunha muller, de seis persoas con funcións directivas ningunha muller. O equipo directivo, no noso centro, está nomeado pola administración, xa, pero a administración nomea homes. Esa administración que encherá a boca con discursos de igualdade, nunca a usa como criterio nos nomeamentos. Que dicir do que transmite?  quen dirixe? os homes.
Tamén hai que falar do trato na aula, en xeral eu non tiven problemas nas aulas,  pero cando tiven alumnado con doses de violencia ou agresividade sempre tiven a percepción de que esa violencia o alumno ou a alumna  manifestábaa  máis frecuentemente nas aulas impartidas por mulleres que nas aulas impartidas por homes, nunca me estrañou, a aula é un reflexo da sociedade e moitas veces o alumnado só reproduce o que vive no seu entorno, ás veces a agresividade que nas casas soportan as mulleres, eles ou elas queren exercela na aula contra as profesoras. Triste e duro para moitas de nós.
Despois destas pinceladas sobre a igualdade no meu traballo, sobre a violencia vou usar unha frase dunha alumna do centro, frase tan dura como a vida de moitas mulleres "a sociedade moléstalle máis unha muller libre que unha asasinada".

No hay comentarios: