14 ene 2011

Bits e Bytes, quilos e quibis.


Existe unha certa confusión no manexo dos Bits e os Bytes. Se a isto engadimos que estamos afeitos a movernos no sistema métrico decimal (potencias de 10) e que as unidades informáticas moitas veces se moven polo sistema binario (potencias de 2) a confusión só fai que medrar. Os circuítos electrónicos de memoria usan unha arquitectura binaria polo que xeran potencias de 2 segundo imos usando máis circuítos.


Para empezar a desfacer a madeixa, hai que aclarar en primeiro lugar que 1 Byte = 8 Bits e que os seus respectivos símbolos son Byte = B, Bit = b, un con maiúscula e o outro con minúscula.


Lembremos que os prefixos quilo, mega e xiga son prefixos do sistema métrico decimal polo tanto o seu valor ven dado polas potencias de 10, como sabemos un quilo é 10 ao cubo ou sexa 1000. No  caso da informática 1 quilobyte =1000 byte, 1 quilobit=1000 bit, analogamente ocorre co megabyte (1 millón de byte), xigabyte (1000 millóns de byte) e terabyte (1 billón de byte).


Se queremos indicar unha unidade de 1024 bytes, sabendo que 1024 é 2 elevado a 10, entón esta unidade que tamén lle chamamos erroneamente quilobyte deberiamos chamarlle quibibyte, xa que os prefixos quilo, mega, xiga.. son exclusivos do sistema decimal e por suposto estas unidades non pertencen ao sistema decimal e tampouco ao S.I de medida. As unidades no sistema binario habería que chamarlles quibibyte, mebibyte, xibibyte e tebibyte ou quibibit, xibibit.... Este sistema de nomes non é popular pero é o correcto se estamos usando o sistema binario. No sistema decimal usaremos os nomes quilobyte, megabyte, xigabyte  cos valores axeitados. Unha vez máis a lei de medida obriga.


Aínda hai unha dificultade a maiores e é que no mundo informático mesturan un ou outro sistema segundo o que estean medindo, así a velocidade das redes mídense en bits, a capacidade de almacenamento en byte, os sistemas operativos usan a base binaria e os discos duros e tarxetas de almacenamento usan o sistema decimal. Conviven polo tanto nas unidades de medida informáticas dous sistemas de medidas, o decimal e o binario, e dúas unidades con nomes moi parecidos na fala o byte e o bit, o que nos pode xenerar unha grande confusión.


Lembrar tamén que aunque o nome sexa distinto en galego e castelán (gigabyte e xigabyte) o seu símbolo é o mesmo, os símbolos son internacionais, nesta caso GB.
Vamos que un grande lío, as medidas informáticas parecen o camarote dos irmáns Marx.:)

A ver se con estas táboas queda isto un pouco máis claro:


UNIDADES NO SISTEMA DECIMAL e S.I.
Prefixo          símbolo           valor
Quilo             k                 1kB    =  1 000                  bytes      =      10^3 B
Mega            M                1MB  =  1 000 000            bytes      =     10^6 B
Xiga              G                1GB   =  1 000 000 000       bytes    =     10^9 B
Tera              T                 1TB   =  1 000 000 000 000 bytes   =     10^12 B

UNIDADES NO SISTEMA BINARIO
Prefixo         símbolo                    valor
quibi              Ki                 1 KiB  =   1024  bytes                          =   2^10 B
mebi              Mi                1 MiB  =   1 048 576  bytes                  =   2^20 B
gibi                Gi                 1 GiB  =    1 073 741 824 bytes            =   2^30 B
tebi                Ti                 1 TiB   =    1 099 511 627 776 bytes    =    2^40 B

No hay comentarios: