8 mar. 2012

mulleres

"O poeta debe ser capaz de ver o que os demais non ven, debe ver máis profundamente. E o matemático debe facer o mesmo." Sofia Kovalévskaya
Sen dúbida a mellor serie sobre matemáticas feita en España foi universo matemático de Antonio Perez para TVE. Este capítulo que vos poño "Mujeres matemáticas" é un dos meus preferidos. De non ser por aportacións como esta, seguiriamos pensando que só houbo homes na matemática. 
No ensino secundario falamos de Thales, Pitágoras, Cramer, Rouche, Frobenius, Sarrus, Gauss, Barrow, Bolzano, Newton, Neper, Ruffini, Tartaglia, Weierstrass, L`Hopital, Euler, ... Non hai mulleres matemáticas na historia? hainas, pero poucas en proporción aos homes. Algo terá que ver o conxunto de barreiras sociais e culturais que atoparon as mulleres desde os tempos máis remotos. Por dicir algunhas: as crenzas de que as mulleres non tiñan talento científico (Kant chegaba a dicir que era tan posible que unha muller tivese barba como que sentise preocupación pola xeometría; o matemático De Morgan consideraba as mulleres débiles e sen preparación física para actividades científicas), as dificultades que tiveron para obter unha educación matemática (nin sequera podían ir a universidade) e por suposto as tarefas que tiñan e aínda teñen encomendadas as mulleres (cociñar, limpar, educar aos fillos, coidar, administrar...)

Teano, Hypatia, Agnesi, Ada Byron, Sophie Germain, Sofia Kovalévskaya, Marquesa De Chatelet, Emmy Noether, Carolina Herschel, Mary Somerville, Grace Hopper, Mary Everest Boole, Florence Nightingale.... Ao mellor aínda hai quen pensa que non son coñecidas porque o que fixeron non é importante, mirade o vídeo e opinade, e tende en conta que igual que o binomio de Newton ten nome tamén o diagrama de sectores podería chamarse diagrama de Nigtingale, por poñer un exemplo sinxelo.

No hay comentarios: