23 oct. 2013

Folga contra a LOMCE


O xoves estarei en folga  e perderei o salario do día por varios motivos, uns de cabreo xeral e outros por desacordo coa nova lei que se está a  tramitar.
O meu cabreo xeral é que estou farta de mentiras,  o ensino non mellora reducindo profesores, o ensino non mellora aumentando o número de alumnos nas aulas, o ensino non mellora se damos materias das que non somos especialistas, o ensino non mellora se non hai xestión democrática nos centros, o ensino non mellora se os gobernos  nin sequera intentan o consenso nunha lei educativa, cada goberno fai a súa para un par de anos ou como moito para 4 anos. 
Deixo de último cabreo, pero non menos importante, que nos últimos 3 anos aumentáronme as horas de traballo e baixáronme o salario, que o ano pasado non cobrei unha extra e que este ano no vrao só cobrei media extra e no Nadal só cobrarei media extra, ou sexa máis do mesmo pero disimulado, volvéronme a quitar unha paga extra.
O relatorio anterior  ven sendo as medidas que se están aplicando nos centros nos últimos 3 anos, e  chaman a nova lei, lei de mellora da calidade da educación, o que hai que aguantar!!!
Vamos a lei:
Dúas reválidas: unha en cuarto da ESO para sacar o título, outra ao rematar o bacharelato para sacar o título. Poñer unha reválida é desconfiar da avaliación que fai o profesorado, poñer unha reválida é uniformar o ensino, uniformar as aulas, poñer unha reválida é seleccionar ao alumnado, poñer unha reválida pode ser o negocio dalgúns, poñer unha reválida condiciona o traballo docente no día a día, dificulta a liberdade na aula e dificulta o poder realizar actividades diferentes. A min gústanme as diferencias, non me gustan os uniformes.
Dobre titulación na ESO: unha para FP e outra para Bacharelato. O ensino obrigatorio non debe dar diferentes titulacións,  se é obrigatorio debe ser igual para todos.
A relixión sube de categoría e convértese nunha materia optativa, no mesmo nivel de importancia que  a 2ª lingua estranxeira ou debuxo técnico.  Non sei que adxectivo pórlle a este apartado, pero el só é motivo para ir á folga.
Desaparecen no bacharelato materias coma Electrotecnia, Métodos estatísticos e numéricos, outra vez uniformes!!,  a min gústame a variedade. A desaparición de métodos estatísticos e numéricos neste mundo de sondaxes,  de estudios de mercado, de avaliacións,... non a entendo.
En terceiro e cuarto de ESO diferencian dous tipos de matemáticas: a unha chámanlle académicas e a outra aplicadas. Que pouca reflexión!, evidentemente o curriculum das matemáticas necesita unha reforma urxente, pero a estas alturas de desarrollo tecnolóxico, non deberían ser todas as matemáticas aplicadas?
No bacharelato de sociais desaparecen as matemáticas aplicadas ás ciencias sociais coma materia obrigatoria de modalidade e pasa a ser optativa, quedando o latín coma obrigatoria de modalidade, sexamos serios!!!!!!!!!!!, pode que as matemáticas non teñan que ser obrigatorias pero que o latín sexa o obrigatorio a costa das matemáticas cústame asumilo!!, ata podería entender que puxeran obrigatoria unha literatura, a historia do mundo, a economía ou unha historia da arte,... pero o latín!!!!!!!!! tampouco vou poñer adxectivos.
Pareceume grave cando di que 1º de ESO pódese organizar por ámbitos para facilitar a integración dos alumnos de primaria, máis ben penso que será para aforrar cartos e usar un profe para dar varias materias, din moitos anos 1º de ESO e nunca vin problemas que necesiten esta medida.
Na lei hai máis cambios, adiantase a diversificación a 2º de ESO, cambia a FP,....Non sei valorar alguns deses cambios, tería que escoitar opinións a favor e en contra argumentadas e contrapostas, pero non houbo debate, na tramitación desta lei só houbo insultos ao profesorado, insultos aos nosos idiomas, prepotencia e imposición. Faltou e falta cultura democrática, a ver se a adquirimos coa relixión!!!

1 comentario:

JJ dijo...

Moi ben explicado, Conchi. Concordo na túa reflexión, o que tampouco é unha sorpresa ;)