8 dic. 2018

Marcho, que teño que marchar!!

Máis de 50 anos nas aulas, o primeiro que me ven a cabeza é que desfrutei moito máis coma profesora que coma alumna. 
Non fun boa alumna, por diferentes motivos, a maioría das veces non me interesaba o que alí me contaban, a rúa era máis atractiva para min; outras veces non tiven os profesores axeitados e xa na carreira houbo momentos moi difíciles onde o esforzo necesario para acadar o aprobado considereino ata inhumano, aínda así acadei o meu obxectivo que sempre foi ser profe de mates, teño que agradecerlle a miña tía a súa perseverancia obrigándome a estudar ás veces ao meu pesar. 
Como profe, desfrutei de case todo: en primeiro lugar do alumnado, do alumnado tímido, do tranquilo, das chaponas, das rebeldes con ou sen causa, das atrevidas, dos extraescolares, dos/as arroutados/as,…. miles pasaron polas miñas aulas, lembro a pouc@s, pois a miña memoria é pequena pero lembro en xeral o bo entendemento que tivemos.
Desfrutei de facer as matemáticas fáciles, cando a moito profesorado de mates o que lle mola en xeral é facelas difíciles, pero eles mesmos, o que non quita que as mates teñan algunha dificultade e que sexan ingratas (ese signo que nos funde na miseria, esa operación que destroza a nota,.....). Desfrutei moito desas outras matemáticas menos académicas pero quizais máis interesantes; esas tardes con alumnado preparando enquisas para facer estudios estatísticos reais ou analizando a estatística na prensa, ou midindo o instituto, as Burgas, o Xardín do Posío,.. para facer planos, ... esas son as matemáticas que serven.
Non usei libro de texto, fixen os meus propios apuntes para ter seleccionado por min o que queria dar e o que non, en que orde, en que nivel e con que linguaxe, iso é pra min a liberdade de cátedra, a riqueza do noso traballo. Aí invertin miles de horas desas que seica non traballamos, solo tendes que ir a word e escribir unha ecuación matemática e ver canto tempo vos leva para saber o tempo que eu dediquei a ese traballo.
Desfrutei facendo este blog, nos catro anos que o tiven activo, espero que a alguén lle interese algunha entrada por calquer motivo e nel vou a deixar o material que teño elaborado para as clases por se a alguén lle é de utilidade.
Pelexei nos claustros, moitas veces enrabiada, case sempre perdendo,… pero sempre dicindo o que pensaba sen limitacións, moitas veces lamentando a pouca valentía do profesorado para enfrentarse á administración e, pior aínda, lamentando ese silencio coral, tan galego!!!, coma se as decisións que se deberían tomar nos claustros non foran con nós ......  tamén gañei (eu e un feixe de valentes compañeiras) algunha que outra batalla.
Atopei amizades nos centros, poucas pero moi ben escollidas, amizades de por vida, aí están sempre ao meu lado, incluso os/as que xa non están. Sentín moita admiración por grandes profesores e profesoras que me acompañaron nesta andaina.
Sempre tiven referentes ideolóxicos nesta profesión, a CIG-ENSINO foi o meu sindicato, levei con orgullo as súas siglas e sempre atopaba no seu entorno a complicidade e o entendemento.
Agás os dous primeiros anos, dín as clases en galego, nunca foi isto un problema con ningún alumno/a e fixenno para apoiar ao idioma débil, ao noso idioma, ao que a pesares de ser o noso está en desventaxa, digan o que digan noxentas persoas que van de políticos cando só son mentireiros e charlatáns.
Pero non nos engañemos os meus mellores recordos como alumna son as viaxes escolares, pois coma profesora tamén. Nunca fun a Salou. Percorrín andando con 50 alumnos a Ribeira Sacra desde Quiroga aos Peares, fixemos andando a ruta medieval do viño de Ribadavía a Santiago, fomos ao Invernadoiro a vivir lonxe das redes, fomos a Cantabría e Asturias, a Córdoba e Sevilla, ao Xurés, a Paris, .... e miles de pequenas viaxes ao entorno máis cercano: Coruña, Allariz, Ribeira Sacra, Pazo de Oca, Padrón, Santiago ..... Todas elas inesquecibles para min,  aqui o que significaron estas viaxes.
En fin, xubílome e quería contar estas cousas antes de irme,  voume coa sensación de ter traballado moito e espero que ben, pero conste que xa non me quedan moitas ganas de estar en aulas así que creo que me xubilo coma profe e coma alumna. Saúde e forza aos que seguides nas aulas.


7 comentarios:

Mercedes Suárez Pazos dijo...

Que boa despedida! Todo un alegato pedagóxico!

JJ dijo...

Que fermosa entrada, Conchi, dá pulos para traballar a tarde do domingo. Unha mágoa non coñecerte en persoa(para o ano son as 19JAEM na Coruña, que conste ;) )
Moita sorte en todo

Cibrán dijo...

Se alguén me pedira asinar este texto, faríao cos ollos pechados. Subscribo palabra por palabra.

conchi dijo...

Alégrame que vos gustara, Merche, que ben soa o de alegato pedagóxico!!!
JJ o primeiro luxo da xubilación é sen dúbida non ter que traballar o domingo á tarde, Cibrán seguireite na rede na túa loita permanente polo galego, vémonos nas redes e calquera día en calquera recuncho, que somos poucos e temos moita xente en común. Bicos

Teresa dijo...

Dou fe que fuches moi boa profesora, inda lembro os concursos cos alumnos e cantas veces ganastes! Querida amiga, despideste cos deberes ben feitos,agora a disfrutar que o tes ben merecido.

swipe-face dijo...

Eu tampouco fun bo alumno, a verdad e que como alumno pouco se disfruta pero como profesoras coma ti merece a pena aprender ben e rapido, unha aperta do teu tipiño.

conchi dijo...

Grazas Teresa.
Oes Tipiño, eu non fun boa alumna pero rematei a carreira, a ver se ti segues a ruta, :)