Case ao comezo da miña vida laboral, no 1990, nun claustro do IES Ribadavia escoitei algo que aínda hoxe subscribo, “as viaxes a Salou xa as ofertan as axencias de viaxes, un instituto debe ir máis alá, debe ofertar outro tipo de viaxes”, díxoa Xose Lois Darriba, profesor de Física e Química, a mente máis lúcida e xenerosa que atopei na miña profesión.
Dito e feito, atopeime tardes enteiras rodeada de alumn@s do Ribeiro facendo perfís de etapas nun mapa topográfico para percorrer a pé a Ribeira Sacra con 50 alumn@s, atopeime facendo a megacompra nun super, mercando comida para sobrevivir 5 días na Serra do Invernadoiro con 30 alumn@s da Farixa, lémbrome facendo os turnos de cociña e fregado no albergue e mesmo dando instrucións de como cocer os macarróns, lémbrome exercendo de enfermeira de campaña curando vinchocas nos pés dos alumn@s tras km de camiñata pola Ruta medieval do viño desde Ribadavia a Santiago, lémbrome mercando billetes de tren e de bus para ir a Córdoba e Sevilla con 11 alumn@s, pois non queríamos que o reducido número de alumn@s de Bacharelato de Farixa fora un impedimento para poder viaxar, lembro convertendo o proxecto interdisciplinar de 1º de ESO nun “aprendendo todo sobre Cantabria”, literatura, historia, xeografía, cancións, … para poder despois visitala con coñecemento de causa co alumnado do Otero, lembro as cañas co alumnado de ciclos da Farixa, cando fomos recoller a negrura que deixara o Prestige, antes de ir durmir ao duro chan do pavillón da Serra de Outes, e lembro mil chamadas de planificación para garantir os sitios onde durmir, os de xantar, os autobuses, revisar que o botiquín estea ao día, recoller datos e teléfonos de pais e nais para as emerxencias, as noites en garda para que houbera unha mínima orde, sempre facendo números para que non saia cara, convencendo aos pais da importancia de que deixaran ir aos seus fillos, ….
Estou segura que sempre serán as mellores lembranzas da escola para eles e quizais tamén para min.
A planificación dunha viaxe son horas e horas de traballo que non contan en ningún lado, non están na nosa xornada laboral, a responsabilidade de saír con adolescentes polo mundo non ten prezo, só se fai se realmente sabes o importante que é para a educación.
Nas últimas viaxes que fixen no Otero, só tiven que ir de acompañante, non participei na organización, outros o fixeron por min: Cacheiro cando fun a Asturias, Mª Xosé Camba cando fomos ao Xurés, Blanca e Susana cando fomos a París, pero aínda así sempre intentei aportar algo, ademais de compartir o traballo na propia viaxe e a responsabilidade e coidado do alumnado.
Por desgraza agora está de moda que as viaxes escolares as organicen as axencias, non é o mesmo, é máis cómodo, máis caro, máis homoxéneo, menos interesante, aí xa non hai labor educativo, aí te convertes nun vixiante de alumnos, non é a túa viaxe; non lle vexo interese, ao alumnado válelle igual pero a nós non nos debía valer. Tamén escoitei defender o de Salou porque é o que quere o alumnado, pero non é o alumnado quen ten que decidir iso. Tempos confusos!!! Eu sei o que traigo entre mans, por iso nunca fun a Salou.
Fálase ás veces de que vaian os pais ás viaxes, pois non, non ten sentido que vaian os pais, a non ser que non vexamos nada educativo nelas, ou non facemos viaxes ou debemos ir o profesorado, claro que iso esixe xenerosidade pola nosa parte, xenerosidade que o alumnado merece pero que a administración non merece.
Xenerosidade e traballo hai tras da viaxe a Francia que inicia mañá o alumnado de francés de 1º de bacharelato, xunto co alumnado de Xinzo realiza un intercambio cun instituto de Quintín, na Bretaña francesa, coa posterior visita a Paris.
Bon voyage!
Viaxe ao Xurés 1º ESO, xuño 2009, profesora Mª Xosé Camba
No hay comentarios:
Publicar un comentario