16 feb 2011

Selos matemáticos


Un selo postal é un comprobante do pago previo dos envíos efectuados por Correos. O selo tipo é un pequeno papel rectangular que se pega a un sobre e que indica que a persoa que realiza o envío pagou o servizo.

O proceso para a emisión dun selo postal é complexo, polo xeral a administración postal recibe centos de suxestións de particulares e de asociacións sobre os motivos dos selos. Unha vez decididas as series dun motivo concreto, encárgase a artistas a realización do deseño.

Hoxe en día os selos parece que poden caer en desuso pois a comunicación vai mais por internet que por correos, aínda así esperemos que sobrevivan a esta era informática pois algúns selos son verdadeiras obras de arte.

Neste vídeo podedes ver algúns do moitos selos do mundo que estiveron dedicados ás matemáticas. Se sodes un pouco observadores veredes histogramas, pirámides de poboación, figuras imposibles, espirais, poliedros,... e moitos Matemáticos dos que coñecemos algún que outro teorema.

15 feb 2011

14 Febreiro, medindo o amor

Como se mide o amor? ...e nos puxemos a pensar... poderá ou non medirse? con que instrumentos?...Algúns crían que non se podía porque estaba no corazón e outros dicían que poderían facelo co metro. Ata había algún  que aseguraba poder medir os bicos empregando só: "Un beso, dúas nenas e un metro... "mide 7 km"- informounos
     Pregunta a profe:     E se vos pregunto cómo sabedes canto vos queren os vosos papás e mamás? Vaia, todos abriron os ollos como pratos!!"Os meus papás quérenme 50 000" "a min 1 000 000,..." Pero aínda que buscaron non atoparon eses números "en ese metro" así que optaron por os que eran máis fáciles de situar, como o 10". De súpeto un sentenciou: " Pois a min quérenme infinito". O debate comezou aquí, mentres uns defendían que infinito non existía outros pensaban que sí, que era un número moi grande, moi grande, eso sí, todos coincidían en que non se podía escribir do longo que era porque tardarían anos e anos e anos,.... A profe propuxo entón anotar números máis pequenos que infinito e alí escribiron: 22, 9, 31,...O máis grande que quixeron poñer foi o 39... 

Este é o relato e a foto dunha preciosa divagación matemática con nenos e nenas de 5 anos nunha aula de infantil do CEIP  Bergantiños que atopei no blog  somososdecinco.

7 feb 2011

2011, ano internacional da Química


Con esta foto de Lois, alumno de 2º de Bacharelato, volvemos sobre 2011 para lembrar tamén que vai ser o ano internacional da Química e seguir coas propiedades deste peculiar número. 
Xa viramos que é a suma de 11 números primos consecutivos:
 
157+163+167+173+179+181+191+193+197+199+211= 2011.

Vai ser o ano dos 1, mirade algunhas datas do ano:
1/1/11;          11/1/11;         1/11/11;             11/11/11

Tamén unha propiedade ben curiosa, que me mandou unha amiga e seguidora do blog:
Se collemos os dous últimos díxitos do ano de nacemento e lle sumamos a idade que imos cumprir este ano, o resultados é sempre 111, maxia? non, sumas e restas.
No meu caso: 58+53= 111= 58 +(2011-1958)= 2011 +58 - 1958 = 2011 -1900 = 111
En todos os casos ocorre isto? sempre que naceramos antes do ano 2000 e despois do 1900, pois nese caso estamos restando sempre a 2011 o número 1900 polo tanto sempre obtemos 111. Outra cousa é que naceramos despois do 2000, entón non saen así as contas, saen doutra maneira, se cadra daquela dá sempre 11, ou non?

3 feb 2011

Ordenadores na aula



As primeiras fotos e as primeiras impresións. Tivemos que resolver moitos problemas de intendencia, custounos ter un e-mail operativo, que si esqueciamos o contrasinal, que si non sabiamos como mandar as mensaxes,etc...Mila nolo conta "hola profe, hoy estuve toda la clase intentando abrir el gmail como ya sabes y hice algunas actividades y acerte bastantes que es raro en mi" Ahcene tamén nolo contou así "Hoy en la clase estuve atareado por que mi ordenador estaba en inglés, y no sabía cómo enviar mensajes. No tuve tiempo de hacer actividades, sólo de ver las instrucciones de cómo utilizar bien redes sociales etc." Marcos estivo 2 días traballando ao seu aire dirixido con instruccións dunha construción de Geogebra e contaba "Soy Marcos y conseguí hacer el polígono", Iñaki ten unha dúbida "Cando se fagan na casa actividades do ordenador ,¿ hai que mandarte un correo?" Ana contou " Hola hoy hice fracciones, en calculo mental fixen de tempo 52 e 20 acertos de 20" Oscar conta "hola, fixen as actividades e logrei conseguir dous trofeos sobrandome 21 segundos foi divertido e interesante" Vicente conta "Traballei moito e fixen moitos exercicios. Na de porcentaxe acertei 16 de 20 .Gustoume moito grazas"
Pola miña parte dicir que a min cóstame máis organizarme na aula e planificar as actividades, pero teño claro que estamos adquirindo competencias básicas, non só relacionadas coas matemáticas tamén coas TIC, coas habilidades sociais etc. Seguiremos observando.

28 ene 2011

Non hai truco que valla, 2 non é 1


Buscade o erro antes de mirar os comentarios feitos por outros en youtube.

27 ene 2011

38,5 anos


Necesitariamos 4 047 120 contratos como este para poder xubilarnos aos 65 co 100% da pensión. Bromas de Forges aparte, a min non me saen as contas, cada vez é máis difícil atopar traballo, cada vez os contratos son máis precarios e polo tanto duran menos tempo, a xente moza vai pasar por varios traballos diferentes na súa vida laboral e por longas etapas de desemprego e, a pesares de todo isto, auméntase a esixencia de anos cotizados para poder xubilarse, non, non o entendo, non me saen as contas.


Neste diagrama de barras do Instituto Galego de Estatística, IGE, vemos a evolución do paro por idades en Galicia no primeiro trimestre de 2010, vese que ata os 30 anos non empeza a decrecer. Polo demais, o número 38,5 anos resúltame un pouco insultante, usar un número decimal para isto tan natural como é a xubilación non deixa de ser algo raro.

24 ene 2011

Cumbia matemática


Atopei este grupo e esta canción, mira que hai xente divertida, :)

estribillo:
Si querés emociones, sumáte unas fracciones
si querés moverte al ritmo, empleá los logaritmos
si querés ser prudente, calculá la tangente
y si querés pasarla mal, dividí con decimal…

20 ene 2011

Olimpiada matemática

Celebrouse hoxe venres a Olimpíada Matemática Galega. As probas realizáronse  na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e, nesta fase,  seleccionáronse 9 estudiantes  de Bacharelato para representar a Galicia na Olimpíada Matemática Española.
Este curso participaron 195 alumnos de  bacharelato de toda Galicia, do noso centro 4 alumnas e alumnos de 1º e 2º de bacharelato.
Noraboa a todos e todas por participar nunhas probas tan difíciles.


Por segunda vez, Gloria de 2º Bacharelato B obtivo unha mención de honra. Noraboa Gloria.

18 ene 2011

O meu ordenador non coñece a lei


Se miramos nas propiedades do disco duro vemos que pon 37,2 GB = 39.950.188.448 bytes.  Atopamos dous erros, un de escritura do número e outro de transformación de unidades.

O número 39 950 188 448 débese escribir sen puntos (lei medida).

37,2 xigabytes equivale a 37 200 000 000 bytes e non a 39 950 188 448 bytes; o xigabyte é unha unidade do SI e a súa equivalencia é 1 GB = 1000 millóns de bytes, xa que o prefixo xiga- ( giga en castelán) equivale a 10^9, segundo a normativa internacional.

De onde procede este erro? estase usando o sistema binario e nel as unidades se transforman segundo potencias de 2, e hai unha unidade parecida en valor ao xigabyte que sería a que equivalente a 2^30 bytes, o que pasa é que a esa unidade non se lle debe chamar xigabyte, desde o ano 1999 propúxose como novo nome o xibibyte, este nome propuxo a  Comisión Electrotécnica Internacional  na normativa IEC 60027-2.

39 950 188 448 bytes no sistema binario, que é o que  se usa para estas medidas é igual a 37,2 xibibytes= 37,2 GiB, non xigabytes.

Estes erros son frecuentes e atoparedes mil exemplos, sobre todo onde se usen medidas binarias, non haberá erro cando estean usando o SI e se lle chame a 1000 bytes un quilobyte, que é o que é.


Tamén na rede atoparedes mil erros sobre o tema, pois a informacións que non estean actualizadas case seguro que son incorrectas. O que parece claro é que os "novos" nomes non deixan lugar á confusión e os que se usaron nun principio (e se seguen usando como vemos no exemplo) si dan lugar a mil confusións.

14 ene 2011

Bits e Bytes, quilos e quibis.


Existe unha certa confusión no manexo dos Bits e os Bytes. Se a isto engadimos que estamos afeitos a movernos no sistema métrico decimal (potencias de 10) e que as unidades informáticas moitas veces se moven polo sistema binario (potencias de 2) a confusión só fai que medrar. Os circuítos electrónicos de memoria usan unha arquitectura binaria polo que xeran potencias de 2 segundo imos usando máis circuítos.


Para empezar a desfacer a madeixa, hai que aclarar en primeiro lugar que 1 Byte = 8 Bits e que os seus respectivos símbolos son Byte = B, Bit = b, un con maiúscula e o outro con minúscula.


Lembremos que os prefixos quilo, mega e xiga son prefixos do sistema métrico decimal polo tanto o seu valor ven dado polas potencias de 10, como sabemos un quilo é 10 ao cubo ou sexa 1000. No  caso da informática 1 quilobyte =1000 byte, 1 quilobit=1000 bit, analogamente ocorre co megabyte (1 millón de byte), xigabyte (1000 millóns de byte) e terabyte (1 billón de byte).


Se queremos indicar unha unidade de 1024 bytes, sabendo que 1024 é 2 elevado a 10, entón esta unidade que tamén lle chamamos erroneamente quilobyte deberiamos chamarlle quibibyte, xa que os prefixos quilo, mega, xiga.. son exclusivos do sistema decimal e por suposto estas unidades non pertencen ao sistema decimal e tampouco ao S.I de medida. As unidades no sistema binario habería que chamarlles quibibyte, mebibyte, xibibyte e tebibyte ou quibibit, xibibit.... Este sistema de nomes non é popular pero é o correcto se estamos usando o sistema binario. No sistema decimal usaremos os nomes quilobyte, megabyte, xigabyte  cos valores axeitados. Unha vez máis a lei de medida obriga.


Aínda hai unha dificultade a maiores e é que no mundo informático mesturan un ou outro sistema segundo o que estean medindo, así a velocidade das redes mídense en bits, a capacidade de almacenamento en byte, os sistemas operativos usan a base binaria e os discos duros e tarxetas de almacenamento usan o sistema decimal. Conviven polo tanto nas unidades de medida informáticas dous sistemas de medidas, o decimal e o binario, e dúas unidades con nomes moi parecidos na fala o byte e o bit, o que nos pode xenerar unha grande confusión.


Lembrar tamén que aunque o nome sexa distinto en galego e castelán (gigabyte e xigabyte) o seu símbolo é o mesmo, os símbolos son internacionais, nesta caso GB.
Vamos que un grande lío, as medidas informáticas parecen o camarote dos irmáns Marx.:)

A ver se con estas táboas queda isto un pouco máis claro:


UNIDADES NO SISTEMA DECIMAL e S.I.
Prefixo          símbolo           valor
Quilo             k                 1kB    =  1 000                  bytes      =      10^3 B
Mega            M                1MB  =  1 000 000            bytes      =     10^6 B
Xiga              G                1GB   =  1 000 000 000       bytes    =     10^9 B
Tera              T                 1TB   =  1 000 000 000 000 bytes   =     10^12 B

UNIDADES NO SISTEMA BINARIO
Prefixo         símbolo                    valor
quibi              Ki                 1 KiB  =   1024  bytes                          =   2^10 B
mebi              Mi                1 MiB  =   1 048 576  bytes                  =   2^20 B
gibi                Gi                 1 GiB  =    1 073 741 824 bytes            =   2^30 B
tebi                Ti                 1 TiB   =    1 099 511 627 776 bytes    =    2^40 B

12 ene 2011

Rebaixas

Magnifico chiste de Davila para esta época de rebaixas, non vos deixedes enganar, mercade só o necesario e non vos deixedes manipular por catro números.

11 ene 2011

Grandes obras, grandes números



Hoxe inaugurouse en Santiago a  cidade da cultura cunha forte polémica social sobre a oportunidade desa grande inversión.
Esta obra está rodeada de grandes números: 148000 metros cadrados de superficie construida, 686000 metros cadrados de parcela, 476 millóns de euros de custo, 250000 libros na biblioteca,.....
Sen entrar na polémica, hoxe queda apreciar a beleza de formas xeométricas complexas deseñadas polos arquitectos Peter Eisenman  e  Hejduk.