28 jun 2011

Un debate sen límite



Canción: Marful. Música: adaptación do twist "La luna tiene dos caras" do repertorio de Os Celestes de Ponteareas. Letra: Ugia Pedreira
Leverelem
É concepçom monoteísta
Pensar que existe umha só soluçom
É um conceito banal
O dividendo por baixo do divisor
É umha história perdida
A coeréncia de grande pensador
É um debate sem limite como fazer a perfeita revoluçom
É um debate sem limite como fazê-la perfeita.
É muito definitivo
Umha janela tapiada na habitaçom
É altamente agradável
Conhecer um valente que tenha valor
De feito é habitual
Nom dizer nada novo na conversaçom
É um debate sem limite como fazer a perfeita revoluçom
É um debate sem limite como fazê-lo perfeito.
Levere leverelem.

Rematou o curso, coa sensación de moitísimo traballo, de varios pequenos enfados,  algún desgusto, bastantes risas e sorrisos e coa sensación de que este traballo tamén é un debate sen límite entre o que queremos os profes e o que quere o alumnado.
Déixovos esta fermosa canción como despedida a todos/as os que me ledes e, sobre todo, aos meus alumnos e alumnas deste curso, que co seu interese me animaron a manter este blog.
Gozade do calor, das tormentas, dos amigos, das amigas, da familia, dos ligues, dos amores, da piscina, do mar, da montaña, dos pobos,... gozade dunha sucesión infinita de pequenas e grandes cousas agradábeis neste verán.
Ata Setembro.

22 jun 2011

Mención especial

O traballo estatístico sobre o entorno escolar realizado por Guille, Lucía, Laura, Vicente e Iñaki de 1º ESO C resultou premiado cunha mención especial no I Concurso Incubadora de Sondaxes e experimentos convocado pola SGAPEIO.
Noraboa aos premiados e tamén aos alumnos e alumnas de 1º ESO B que participou cun traballo similar sobre o uso que fai da rede o alumnado de ESO do noso centro.
Na gráfica podedes ver nun diagrama de barras do traballo gañador sobre a dificultade das diferentes materias.

21 jun 2011

Rematando o curso


Excelentes dous destes traballos de 1º ESO: plano de Xardín do Posío realizado por Yelco, Andrea, Mariana e Martín e plano das Burgas realizado por Florina, Miguel e Alex.

17 jun 2011

Recortes en educación



A min páganme por dar clases de matemáticas ao alumnado (18 h semanais). Dar clases, para quen non o sepa, consiste en manter en orde (que non se levanten, que non falen, que escoiten, que traian o material de traballo,....)  uns 20 ou 30 alumnos/as, facelos traballar, explicarlles o que non saben e conseguir que o entendan e o estuden. Tamén me pagan por explicar dudas nos recreos ou ao rematar ás clases, por coidar aos de ESO nos recreos, por separalos se pelexan, por dicirlles como se coida o común, por inculcar que respeten o mobiliario, por atendelos cando falta algún profe por enfermidade ou outro motivo,  por levalos de excursión,  por levalos a ver moitas cousas moi interesantes como depuradoras, centrais eléctricas, cine, teatro,.. por participar con eles en actividades tipo concursos, actuacións,..., que normalmente preparamos ás tardes, por ir velos a competicións deportivas ou actuacións,  por falar cos pais, por xestionar as faltas dos alumnos, por emitir informes, por contactar ás veces con outras administracións (menores, sanidade), por instruír expedientes a alumnos, por reunirme co resto de profesores para tentar resolver problemas que xorden no día a día. A primeira actividade son 18 horas á semana, todas as demais cada quen que aproxime cantas poden ser.
A maiores na miña casa planifico e preparo as clases, corrixo cadernos, corrixo exames e traballos,  avalío aos alumnos e alumnas, manteño este blog actualizado e con actividades para eles. Tamén fago cursos, ás tardes,  para tentar mellorar a miña actividade profesional. Este curso tocou introducir os ordenadores nas aulas e fíxose co voluntariado de moitos profesores coma min.
Ademais teño 4 días libres ao curso por asuntos persoais que non collo para que o alumnado non quede sen clases e non cargar aos meus compañeiros coas miñas horas.
Eu remato agotada, non podo facer máis do que fago.
Este curso baixáronme o salario.
Agora o Conselleiro fala de que para mellorar o ensino teño que dar máis horas de clase. Inxenua de min que pensaba que eu melloraba moito o ensino con todas as outras actividades que fago día a día, resulta que non, que o ensino só mellora se a administración me apreta máis e me exprime, e xa de paso aforra un par de salarios de profes da pública para darllos á privada.

16 jun 2011

Raúl Ibáñez

Raúl Ibáñez, da páxina Divulgamat
Raúl Ibáñez, director do portal divulgamat, gañou o Premio á Difusión da Ciencia 2011, convocado pola Confederación de Sociedades Científicas de España (COSCE).

Coñecemos a voz de  Raúl Ibáñez  pois é o colaborador do programa Graffiti de radio Euskadi que varias veces temos escoitado neste blog,  para min un gran programa de divulgación das matemáticas.  Para pórlle cara, esta caricatura.
Neste audio podedes ter máis información sobre a carreira de matemáticas mediante a entrevista a alumnos de quinto de carreira nun dos últimos programas de Graffiti.

Carreira sen paro


Hoxe atopei unha oferta de emprego bastante decente para un matemático. Como estamos  en crise hai que reflexionar e pensar ben que carreira se elixe. A carreira de matemáticas é moi dura pero ten traballo e parece que non só de ensinantes, tamén ten traballo noutros campos. Outra carreira relacionada coas matemáticas pero moito máis fácil é o Grao de  Estatística. e case seguro que tamén ten traballo. Sorte coa elección que fagades.

9 jun 2011

PAU 2011

 
Este é o exame de Mate II que puxeron hoxe nas probas de selectivo. Bonito exame, non vou dicir fácil pero si vou dicir que é un exame axeitado, esperado, un exame no que, se os nervios e a tensión nos deixan, se pode sacar unha boa nota.
Dito isto, outro tema é a oportunidade de que siga existindo unha selectividade e de que sigan existindo esas notas de corte para moitas carreiras. Unha consecuencia disto, por exemplo, é que nos están convertendo a todo o persoal sanitario en excelentes expedientes académicos, que hai xente moi moi válida e moi vocacional que queda fóra do sistema sanitario por non ter un bo expediente.
Algunhas sabemos que non todo son as notas na vida, sabemos que hai expedientes regulares que dan excelentes profesionais, sabemos que a sanidade e a educación son profesións moi vocacionais e sabemos, porque estamos a diario nas aulas, que ás veces a capacidade de decisión, a capacidade de reacción,..non está nos mellores expedientes, e sabemos que ás veces os que non se adaptan ben ao sistema teñen malos expedientes e boas cabezas, pero ningún deses estará no sistema sanitario, mágoa!!!