Mostrando entradas con la etiqueta Ourense. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Ourense. Mostrar todas las entradas

1 may 2013

2013 ano internacional estatística

As estatísticas son eses datos que nos certifican  que a esperanza de vida ao nacer en Galicia é de 82,4 anos mentres que en Sierra Leone é de 48 anos. A estatística  é un mar de datos, algúns ben curiosos pódelos atopar no blog que leva ese nome.
A estatística é esa ciencia que permite falar de futuro con datos do pasado e do presente. Vin que o IGE organiza unha xornada "Radiografía e perspectivas da cadea forestal-madeira en Galicia" que se celebra este venres en Santiago e levo unha alegría de que alguén fale de futuro, seguro que con coñecemento de causa.
Vou farta de "primas de riesgo", de recortes, de esixencias europeas, .........., a min interésanme outros temas: de que imos vivir? que vai producir Ourense? que imos consumir?  en que sectores imos traballar? cal é a formación necesaria? en que poden buscar emprego os 40.000 ourensáns? Espero que desa radiografía sobre a cadea forestal saquen algunha conclusión esperanzadora e de non ser así espero que os políticos deixen xa de discutir sobre quen rouba máis  e de esconder a súa mediocridade no ataque ao adversario. Necesitamos falar en serio do futuro e con datos por medio, seguro que a estatística pode aportar algo.

Fonte de datos IGE

12 mar 2013

gústame que che guste o galego

Esta foto forma parte dunha fermosa campaña de aprecio e valoración da nosa lingua, hai moitas pola rede con diferentes lemas: gústame o galego con acento africano, gústame que me entres en galego, gústame que me atendan en galego, gústame que intentes falar galego aínda que che custe un pouquiño, gústame xogar en galego, gústame ler en galego,.....
A campaña organizouna a coordinadora de traballadores de normalización lingüistica, e xa ten foto moita xente, actores, profesores, alumnos, ....Estiveron en Ourense facendo fotos, de sabelo hoxe tería unha fermosa foto co lema "gústame lembrarte en galego",:)

8 feb 2013

O triángulo do entroido



Dise que en Ourense hai un triángulo máxico do entroido, cos vértices en Laza, Verín e Xinzo. Un triángulo de diversión, de tradición, un pracer ver aos cigarróns, aos peliqueiros e as pantallas, un pracer meterse na maraña de persoeiros e no bulicio da rúa, grande entroido o deste triángulo!!!. Voulle engadir vértices, Maceda cos seus felos, Vilariño de Conso cos seus folións, Viana do bolo e os boteiros, Sarreaus, Manzaneda,.........., a cidade de Ourense, en fin, creo que son tantos os vértices que ten o entroido nesta provincia que remataremos nunha circunferencia, :)
Hoxe a mañá un vértice estivo no pavillón do Otero, aquí vos deixo algunhas fotos lembrando o noso entroido.
Ímonos logo de troula a calquera vértice!!!! Pasádeo ben!!

Non me digades que o mellor careto non é o dos felos, :)

9 ene 2013

fotos matemáticas


Isto é o que deu de si a actividade de fotografía matemática que fixemos os de 2º de ESO C no outono, trátase agora de porlle título a cada foto e de elixir as mellores, xa sexa por estética ou polo contido matemático. Farémolo na aula estes días.

21 nov 2012

Outono fotográfico

Reflexos na esfera. Foto realizada por Antia Quintana
Como todos os anos celébrase en Ourense o Outono fotográfico,  xa vai pola 30 edición, unha actividade interesantísima que organizou durante décadas a casa da xuventude con Benito Losada ao fronte e que agora organiza a fundación que leva o seu nome. Así, todos os outonos se nos enche a cidade de fotografías. Aproveitando que o venres os de 2º ESO C imos saír do centro a unha actividade, a nosa intención é levar a cámara de fotos e ver se damos feito algunha foto matemática coma esta que fixo Antía, na que vemos o reflexo da Praza Maior nunha bola de Nadal.

27 jun 2012

Pensamos no futuro, e ti?

 
 Este é un resumo do traballo co que gañamos o II Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos no nivel de 1º ciclo de ESO, organizado por SGAPEIO (Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e Investigación de Operacións).
O xoves 21 na facultade de matemáticas de Santiago tivemos ocasión  de asistir á presentación dos outros dous traballos premiados.
Magnífico e con moitísimo traballo detrás, o titulado "Un dilema para o consumidor: cal é o mellor tamaño para mercar ameixas?" do  IES de Mugardos (A Coruña).
Orixinal e moi interesante para os que nos gusta o cine de autor e non nos atreviamos a definilo, :), o traballo titulado "Existe o cine de autor?" do  IES "Fernando Wirtz Suárez" (A Coruña).
Tamén tivo unha mención especial na categoría de 1º ciclo de ESO o traballo "Cómo cae unha chincheta?" do  IES de Monelos (A Coruña). Hai que velo aqui, no blog tetractis, e digo hai que velo con coñecemento de causa, para que se saiba o que poden dar de si un grupo de alumnos ben dirixidos.
O acto foi coma no ano anterior, moi agradable, as persoas da organización do concurso amabilísimas, os discursos..... diferentes, nada de buscar o lugar común para non dicir nada, os de mate non falan por falar, :)
Tamén diciros que Xiana, Marinha, Irene e máis eu aproveitamos este premio para probar o AVANT e, que  pasado o díficil momento da presentación en público de traballo, fomos a celebralo nas cubertas da catedral de Santiago, ;)

A foto dos premiados e da mesa presidencial cópioa de tetractis.

12 ene 2012

Quentando motores para o entroido


A próxima semana imos ter unha reunión de delegad@s e subdelegad@s de curso para preparar o entroido. Como nos últimos cursos, esperamos a vosa participación tanto no desfile como na organización. Necesitamos presentadores, DJs, alguén que grave as actuacións, alguén que faga o power point, xurado e , sobre todo, necesitamos xente con marcha e atrevemento, nada que non teñamos dabondo neste centro, :)
Déixovos dous vídeos lembrando as excelentes actuacións e disfraces do entroido de 2011.

22 dic 2011

Felices festas


Este vídeo, fragmentos da actuación do Cuarteto Quiroga no Paraninfo do noso instituto, demostra que estamos rodeados de beleza, a da música e a da arquitectura únense nos concertos Sen batuta. Con estas imaxes e son, quero desexarvos felices festas.

20 sept 2011

Xilbarbeira


Xilbarbeira era o nome que escollera Mª Xosé Camba para o seu blog. Nesta primeira entrada do curso quero lembrala  coa foto de cabeceira do seu blog. Este vran perdemos de forma repentina e inesperada a unha das grandes profesoras deste centro e a una das mellores persoas do claustro.  Eu perdín, tamén, un referente ideolóxico, pois cando necesitaba saber se o meu pensamento e as miñas opinións sobre funcionamento de centro  ou sobre o alumnado ían na liña axeitada preguntáballe a ela, Mª Xosé era para min a persoa con máis cabeza política e  sentidiño de todo o claustro. Este centro non será o mesmo sen ti. Lembrarémoste sempre.

21 jun 2011

Rematando o curso


Excelentes dous destes traballos de 1º ESO: plano de Xardín do Posío realizado por Yelco, Andrea, Mariana e Martín e plano das Burgas realizado por Florina, Miguel e Alex.

6 may 2011

Reparto electoral, reparto proporcional?

Hoxe empeza a campaña electoral, aquí na cidade temos que elixir 27 Concelleiros e Concelleiras, o reparto destes está relacionado co número de votos que obteña cada partido que se presenta, pero como se fai este reparto? é un reparto proporcional directo? ao dobre de votos corresponde dobre número de Concelleiros? pois non, non é un reparto proporcional aunque leve ese nome, nesta presentación explico como se fai o reparto de Concelleiros cos datos das últimas eleccións municipais de Ourense, as de hai 4 anos.
 
Nesta animación do xornal EL MUNDO, podedes ver un exemplo no que, aplicando a regra D' Hont, con menos do dobre de votos obtense o triplo de escanos. Chamar chámase proporcional pero as contas non saen, :)

3 nov 2010

Matraks in d Ourense


Fixemos este vídeo hai anos en Obradoiro de matemáticas, pasámolo moi ben facendo as fotos pola cidade e buscando as matemáticas nos nosos monumentos, no noso entorno.