Mostrando entradas con la etiqueta Estatística. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Estatística. Mostrar todas las entradas

6 nov 2013

Chámalle xe



Semana de actividades moi interesantes en Galicia sobre as matemáticas. 
Hoxe na facultade de matemáticas de Santiago estase desarrollando unhas xornadas sobre léxico matemático en galego. Eu son das que aínda lle chamo equis, creo que xa incorporei todo o léxico matemático galego pero resístese o  "xe". A ver se logo, :)
O sábado 9 de Novembro celébrase na Coruña unha xornada sobre o ensino da estatística, esa grande esquecida na ESO.
Por último celébrase  esta semana o día da ciencia en galego  dedicado  ao arquitecto BuckminsterFuller, a enfermeira e matemática FlorenceNightingale e ao artista e científico galego, creador de Sargadelos,  Isaac Díaz Pardo.
Aquí vos deixo unha película baseada na vida de Florence Nigtingale, considerada pioneira na aplicación da estatística na saúde pública e considerada unha das grandes no mundo da estatística.

1 may 2013

2013 ano internacional estatística

As estatísticas son eses datos que nos certifican  que a esperanza de vida ao nacer en Galicia é de 82,4 anos mentres que en Sierra Leone é de 48 anos. A estatística  é un mar de datos, algúns ben curiosos pódelos atopar no blog que leva ese nome.
A estatística é esa ciencia que permite falar de futuro con datos do pasado e do presente. Vin que o IGE organiza unha xornada "Radiografía e perspectivas da cadea forestal-madeira en Galicia" que se celebra este venres en Santiago e levo unha alegría de que alguén fale de futuro, seguro que con coñecemento de causa.
Vou farta de "primas de riesgo", de recortes, de esixencias europeas, .........., a min interésanme outros temas: de que imos vivir? que vai producir Ourense? que imos consumir?  en que sectores imos traballar? cal é a formación necesaria? en que poden buscar emprego os 40.000 ourensáns? Espero que desa radiografía sobre a cadea forestal saquen algunha conclusión esperanzadora e de non ser así espero que os políticos deixen xa de discutir sobre quen rouba máis  e de esconder a súa mediocridade no ataque ao adversario. Necesitamos falar en serio do futuro e con datos por medio, seguro que a estatística pode aportar algo.

Fonte de datos IGE

10 abr 2013

2013 ano internacional da estatística

Aqui imos celebrar este ano cun  precioso poema de Séchu Sende, copiado do seu blog  Made in Galiza




Se Galiza fosse um lugar de 100 habitantes…


...no 28 por cento dos fogares utilizaria-se a madeira como fonte de energia.
22 persoas estariam em risco de exclusom social e pobreza.
Mais do 21% da povoaçom activa estaria desempregada e o paro feminino duplicaria o masculino.
26 nunca teriam visto um ouriço cacho vivo ou morto numha estrada secundária.
…5 persoas tocariam um instrumento musical.
46 persoas teriam conexiom a Internet.
95 veriam habitualmente a TV
O número médio de tempo diante da TV seria de 2 horas e 34 minutos ao dia.
As 100 persoas tiverom ou terám sonhos eróticos.
6 sonharom ou ham sonhar algumha vez com ouriços cacho.

35 viviriam no rural. 60 trabalhariam no setor serviços. E 10 do agro e da pesca.
16 teriam menos de 20 anos. E 22 mais de 65.
7 persoas practicariam ciclismo de vez em quando.
3 atropelarom ou atropelarám um ouriço cacho na estrada nalgum momento da sua vida.

40 persoas leriam habitualmente revistas do coraçom e 7, revistas culturais.
41 persoas teriam lido um livro no último ano.
19 persoas viviriam em casas com menos de 10 livros e 8 em casas com mais de 500.
6 persoas leriam habitualmente em galego. 59 persoas leriam ocasionalmente em galego.
De cada 100 livros vendidos, 7 estariam escritos em galego.
6 persoas pensariam que os livros podem ser perigosos,
especialmente os que tenhem escritas as palavras
ouriço cacho

O 7% dos nenos e nenas de 5 a 16 anos entenderiam pouco ou nada o galego falado.
O 16 % dos nenos e nenas de 5 a 16 anos saberiam falar galego pouco ou nada.
No 21 % dos fogares todos os habitantes falariam habitualmente só em galego.
No 10 % dos fogares falaria-se só em castelám.
27 persoas nunca pronunciarom estas duas palavras: ouriço cacho.

35 persoas nunca iriam ao cine e 11 persoas iriam ao cine cada mes.
21 persoas iriam ao teatro algumha vez ao ano.
64 persoas iriam a concertos de orquestras nas verbenas umha vez ao ano polo menos.
4 persoas nom bailarom nem bailarám nunca.

38 persoas pertenceriam a umha ou mais associaçons.
94 persoas estariam a favor de determinadas medidas para a proteçom do médio ambiente. 36 persoas estariam a favor de restringir o uso do transporte privado.
9 mulheres e 8 homes de 16 ou mais anos participarom en actividades relacionadas com o médio ambiente no último ano.

3 persoas saberiam que só morrem esmagados 1 de cada 500 ouriços cacho que cruzam as estradas

36 persoas nom votarom nas últimas eleiçons
e quem governa nesse lugar de 100 persoas
só tivo o voto do 24% do censo.

1 persoa cada vez que ve um ouriço cacho esmagado que nom conseguiu cruzar a estrada
entristece-se um pouco mas
sorri polos 499 que si o conseguirom.

18 dic 2012

III Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos

A Sociedade Galega para a promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO) convoca o III Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos.
Concederase un premio en cada unha das seguintes categorías:
Categoría A: Primeiro ciclo de ESO (cursos 1º e 2º).
Categoría B: Segundo ciclo de ESO (cursos 3º e 4º).
Categoría educaBarrié: Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio (tema relacionado coa economía).
Inscrición: 10 decembro ao 15 de xaneiro de 2013.
Envío de traballos: de 1 ao 15 de abril de 2013
Premio: material informático para os estudantes que fagan o mellor traballo.
Podedes ler as bases completas aqui.
O curso pasado gañamos a fase galega na categoría de primeiro ciclo de ESO con este traballo realizado por Marinha, Xiana e Irene.
Na categoría segundo ciclo de ESO gañaron alumnos do IES Mugardos dirixidos por Covadonga Rodríguez-Moldes co traballo Un dilema para o consumidor: cal é o mellor tamaño para mercar ameixas?
Na categoría de Bacharelato gañaron alumnos do IES "Fernando Wirtz Suárez" (A Coruña) dirixidos por Quique Pujales e foron os que gañaron posteriormente a fase española co traballo Existe o cine de autor?; por segundo ano consecutivo un traballo de alumnos galegos gaña a fase estatal do concurso, unha boa noticia para a estatística na nosa comunidade.

27 jun 2012

Pensamos no futuro, e ti?

 
 Este é un resumo do traballo co que gañamos o II Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos no nivel de 1º ciclo de ESO, organizado por SGAPEIO (Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e Investigación de Operacións).
O xoves 21 na facultade de matemáticas de Santiago tivemos ocasión  de asistir á presentación dos outros dous traballos premiados.
Magnífico e con moitísimo traballo detrás, o titulado "Un dilema para o consumidor: cal é o mellor tamaño para mercar ameixas?" do  IES de Mugardos (A Coruña).
Orixinal e moi interesante para os que nos gusta o cine de autor e non nos atreviamos a definilo, :), o traballo titulado "Existe o cine de autor?" do  IES "Fernando Wirtz Suárez" (A Coruña).
Tamén tivo unha mención especial na categoría de 1º ciclo de ESO o traballo "Cómo cae unha chincheta?" do  IES de Monelos (A Coruña). Hai que velo aqui, no blog tetractis, e digo hai que velo con coñecemento de causa, para que se saiba o que poden dar de si un grupo de alumnos ben dirixidos.
O acto foi coma no ano anterior, moi agradable, as persoas da organización do concurso amabilísimas, os discursos..... diferentes, nada de buscar o lugar común para non dicir nada, os de mate non falan por falar, :)
Tamén diciros que Xiana, Marinha, Irene e máis eu aproveitamos este premio para probar o AVANT e, que  pasado o díficil momento da presentación en público de traballo, fomos a celebralo nas cubertas da catedral de Santiago, ;)

A foto dos premiados e da mesa presidencial cópioa de tetractis.

15 jun 2012

Gañamos!!!

Xiana, Irene e Marinha alumnas de 1º de ESO do IES Otero Pedrayo gañaron na categoría de 1º ciclo ESO, o II Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos, convocado pola sociedade SGAPEIO co traballo "Pensamos no futuro, e ti?". 
O traballo que realizamos foi sobre reciclaxe, separación de residuos e  reutilización nos fogares do alumnado do noso centro. Un traballo no que aprendimos moito, non só de estatística e de informática, tamén da necesidade de reducir os residuos  que xeramos a diario. Pasámolo moi ben facendo gráficas cheas de cor, houbéranos gustado poñerlles flores pero a "sobriedade matemática" non nos deixou facelo :), tivemos moitos problemas para axustar as axendas das 4, ocupamos os ocos de moitas tardes con números e táboas, tivemos moitas rifas da profe por non ler o correo con atención, pero  conseguimos rematar un estupendo traballo e por riba dannos un premio, fabuloso!!!!!
O xoves 21 será a entrega de premios na facultade de matemáticas da Universidade de Santiago. Xa vos poremos as fotos, :)
Para que vos animedes a participar o próximo curso que saibades que o premio é un ordenata para cada participante, un bo premio desde logo, pero tamén debedes de saber que é o premio a un traballo moi duro e custoso. A opinión de todo o alumnado que participa sempre é boísima, sempre lles gusta moito o traballo pero só uns son os premiados, este ano tocounos a nós, pero estou segura que cada traballo entregado ao concurso era merecedor do premio polo esforzo que hai tras un proxecto deste tipo, tanto do alumnado participante como do profesorado que o dirixe. 

Unha gráfica divertida deste traballo é este pictograma sobre o que pensamos do uso de somieres pechando fincas, iso tan noso, :) 

Prensa e estatística

 

 Este é un resumo dun dos traballos que presentamos ao II Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos, este foi realizado por Lucía, Guille, Florina e Vicente de 2º de ESO. Un traballo moi interesante sobre o uso que fai a prensa das gráficas estatísticas, dos números e das táboas de datos. Deste traballo teño que dicir que ademais de gustarme moitísimo, foi un pracer volver a traballar con estes catro alumn@s. Aprendín moito, aprendín a facer  smarnonseique, aprendín a animar os vocabularios,.., :),  en fin, estupendo!!
Aqui podedes ver o traballo completo.

24 mar 2012

Números na prensa

"Periodismo con números para gente de letras" é o título desta amena e interesante conferencia de Josu Menzo, profesor na Universidade de Castilla-La Mancha. A conferencia é do 9 de febreiro de 2012 e formou parte dunha actividade de Medialab-Prado (Concello de Madrid) sobre formación en xornalismo de datos, dura unha hora pero non ten desperdicio. Excelente profesor que nos deixa este documento no que ademais de poñernos en alerta ante os datos que nos invaden a diario tamén nos explica estatística básica.
Menzo no seu blog  Malaprensa fai unha análise crítica da prensa española, mostrando noticias con números equivocados, gráficos incorrectos, erros lóxicos ou conceptuais, mala interpretación de estatísticas...

22 mar 2012

Estudantes fartos e sen futuro?


Dous vídeos de dúas organizacións de estudantes que teñen presenza en Ourense, a Liga estudantil galega e Estudantes sen futuro. Nomes ben acaídos para estes tempos que nos toca vivir, tempos nos que se está abrindo unha brecha social na que os ricos van sendo máis ricos e os pobres máis pobres. 
Tamén as matemáticas serven para medir as desigualdades sociais. Para elo usa varios indicadores.
O índice Gini, ideado polo estatístico italiano Corrado Gini é un indicador que mide a cohesión social.  O índice varía de 0 a 1. Canto maior sexa este coeficiente maior é a desigualdade social. O Eurostat, organismo estatístico da Unión Europea é o encargado de publicar periodicamente o índice de Gini.
Nos  últimos datos publicados vemos que en España o coeficiente Gini multiplicado por cen, para facilitar a comparación, pasa de 30,7 en  2004 a 33,9 en 2010, máis de tres puntos de aumento. Ademais no ano 2010 ocupamos o posto terceiro pola cola dos 27 países da Unión europea, só en Lituania e Letonia hai máis desigualdade que en España, a media europea está en 30,5. O coeficiente Gini de Galicia no 2010 é 27,8 menor que en España pero tamén subiu lixeiramente nos últimos anos.
Outro indicador usado para medir a cohesión social é a ratio S80/S20, este calcula o cociente do rendemento total recibido polo 20% da poboación con maior renda (encima do percentil 80) e o recibido polo 20% da poboación con menor renda (baixo o percentil 20). Polo tanto, canto maior é o índice maior é a diferenza entre os ricos e o pobres. Tampouco este indicador é esperanzador, nos últimos datos de Eurostat, España pasa de 5,1 en 2004 a 6,9 en 2010, sendo a media europea 5 e só Letonia nos iguala, ou sexa que se mire o índice que se mire, neste país que vivimos, os ricos van a mellor. A ratio s80/s20 galega no ano 2010 é 4,2 moi inferior a media estatal e a media europea pero tamén subiu unha décima ou dúas se comparamos cos anos 2006  ou 2008 respectivamente.
Hai outros indicadores que miden a cohesión social como o limiar da pobreza, taxa de risco de pobreza etc, os datos de Galicia téndelos nesta páxina do IGE. A nosa comunidade ten mellores cifras que España, afortunadamente.
É moi difícil admitir que esta suposta crise na que nos meteron os supostos mercados serva para que xente se enriqueza mentres a outros os mandan ao paro, a outros nos ameazan con recortes, baixadas de salarios ou nos insultan desde os ministerios poñendo en dúbida a nosa profesionalidade e incluso chegando a dicir que traballamos pouco. Vivir para ver.
Ogallá estes estudantes sen futuro teñan criterio propio, forza e capacidade para construír un futuro e  para non perder, como ben din eles nos vídeos, os dereitos conquistados nunha longa historia dos traballadores.

14 dic 2011

Barómetro real


Chiste de Davila
Fonte: CIS
No xornais de hoxe aparece unha valoración feita pola casa real sobre como fai as enquisas o CIS. No xornal Público redáctana así:  "Desde la Casa Real también se ha aludido a la última encuesta del CIS, en la que se detecta una caída en la valoración de la institución. En este sentido, desde Zarzuela lo atribuyen a causas propias y a la forma en las que el CIS realiza las encuestas"
Sorprendente a valoración que fai a Casa Real poñendo en dúbida a obxectividade ou profesionalidade dun organismo oficial, dependente do ministerio de presidencia, como é o CIS (Centro Investigacións Sociolóxicas).
O barómetro do CIS é un estudio estatístico realizado mensualmente para pulsar o estado de opinión dos cidadáns. Nos diferentes barómetros hai preguntas fixas e outras que mudan, periodicamente repítense diversas preguntas, unha das que se repite é a de valoración das institucións por parte dos cidadáns. As dúbidas da casa real sobre como realiza o CIS o estudio pode deberse á metodoloxía que usa ou a forma de realizar á pregunta. A metodoloxía que usa o CIS vese na ficha técnica  e eu desde logo non vou poñela en cuestión. A pregunta concreta sobre a casa real é impecable, mándase puntuar a institución de 0 a 10 e calcúlase a media a a desviación típica. Esta pregunta formúlase  sempre da mesma maneira.
Fonte CIS
A estatística non é neutral, de feito é unha ciencia utilizada moi a miúdo polo poder político, polo poder económico, pola publicidade ... para manipular ao cidadán, para crear opinión, para vender, ...pero neste caso concreto non vexo a manipulación por ningún lado nin os erros.  A casa  real debe buscar as causas da súa baixada de popularidade na conduta pouco exemplificante dos seus membros e debe prepararse para posteriores baixadas, pode que ademais de suspender chegue ao moi deficiente, pois esa é a nota que merece unha institución anácronica e de inexplicable existencia no século XXI.

11 oct 2011

O censo que xa non é un censo


O INE ( Instituto Nacional de Estatística) vai realizar o censo de poboación 2011. Os censos teñen como obxectivo o reconto da poboación do estado e o coñecemento da súa estructura, para elo realizábanse enquisas en todos os domicilios do estado cuns cuestionarios sobre idade, sexo, nacionalidade, estado civil, formación, actividade económica, relacións parentesco entre os que viven nesa vivenda, características da vivenda, …, todo, preguntaban todo, pois tratábase de facer un retrato axustado das condicións de vida dos cidadáns españois.
O censo realizábase cada 10 anos desde 1877. Este ano por primeira vez vaise realizar unha mostraxe en lugar do censo universal e farase o cuestionario só a unha mostra do 10% da poboación, uns 3 millóns de vivendas.
O motivo dado polo INE para este cambio e a necesidade de aforrar en tempos de crise, de feito este ano só van contratar 4 000 enquisadores fronte aos 40 000 contratados para a realización do último censo de 2001. Tamén alega o INE que outros países Europeos están realizando este tipo de modificacións.
A medida esta xerando polémica entre estatísticos e sociólogos. O que está ben claro é que o nome non pode ser censo, cando o que fai o INE é unha mostra e unha inferencia dos datos obtidos na mostra.
Noticia en EL País 
Para ver como cambiou España nos últimos 150 anos, pódese consultar este interesante documento.

6 oct 2011

Os nosos números

Pirámide de poboación para Galicia no ano 2008. Fonte IGE
Estes días na prensa  falan de pagas de 20 millóns de euros e a min mesma éme difícil facerme unha idea de canto significa realmente esa cantidade, manexamos os números en abstracto pero moitas veces cando nos mandan concretar non sabemos asignar cantidades razoables a cousas reais.
Na aula isto vese a diario, se lle preguntamos a un alumno cantos habitantes ten Ourense pode responder calquera cousa, por iso pensei facer un post de números, de cantidades reais. Escollín datos ou moi significativos ou que a min me interesan, espero que a vos tamén. Se vos interesan outros datos, podedes ver aqui un resumo da situación de Galicia no 2011.
Dicir que cando vemos aí que o ingreso medio por fogar en Galicia é de 2010 €, temos que saber que para o cálculo desa media tívose en conta os ingresos nos fogares dos "altos financeiros" e similares; eses claramente soben a media, faltaríanos saber a desviación típica ou algunha outra medida da dispersión deses ingresos medios. Todos os datos están sacados do IGE (Instituto Galego de Estatística).
Habitantes Galicia:  2 794 516
Superficie:  29 574,8 km²
Saldo migratorio: 6 647
Número medio de fillos por muller: 1,1    
Taxa de actividade  54,6%  
Taxa de paro 15,4 %
Taxa de risco de pobreza 14,32 %
Ingresos medios mensuais por fogar:  2 010 €
Esperanza de vida ao nacer dos homes:  78,3 anos
Esperanza de vida ao nacer das  mulleres: 85,1 anos
Número de médicos colexiados: 5 293
Parque de vehículos: 1 873 069
Centros públicos de ensino non universitario:  1 168
Profesoras de ensino non universitario: 25 702
Profesores de ensino non universitario: 11 872
Alumnado no ensino non universitario:   372 885
Alumnado no ensino non universitario en centro públicos:   272 875 
Poboación Concello Ourense: 108.673
Superficie queimada en Galicia en 2010:  14.807,34 hectáreas
Acidentes laborais mortais en 2009 en Galicia: 74 

28 sept 2011

Conectad@s

 
Este traballo foi realizado por Florina, Michaella, Mariana, Yelco e Alex para participar no I Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos. Un traballo moi interesante sobre o uso que fai de internet o alumnado de ESO do IES Otero Pedrayo. Aqui podedes ver o estudio completo.

20 sept 2011

O noso centro



O curso pasado 5 alumn@s de 1º de ESO C fixeron este estudio estatístico sobre o noso centro, este traballo obtivo unha mención  no I Concurso de Incubadora de Sondaxes de SGAPEIO. Aqui podedes ver o estudio completo.
Mandoume unha foto Gonzalo Temperán da recollida do premio en Santiago. Por certo, Gonzalo e as súas alumnas gañaron a fase estatal deste concurso en Barcelona, co traballo: Podemos predecir a estatura á que pode chegar unha persoa?. Podedes ver  aquí o álbum de fotos do acto de entrega de premios.
Sirva este traballo para dar a benvida aos novos alumnos e alumnas deste curso.
Lucia, Laura, Vicente, Iñaki, Guillermo e Conchi recollendo o premio

22 jun 2011

Mención especial

O traballo estatístico sobre o entorno escolar realizado por Guille, Lucía, Laura, Vicente e Iñaki de 1º ESO C resultou premiado cunha mención especial no I Concurso Incubadora de Sondaxes e experimentos convocado pola SGAPEIO.
Noraboa aos premiados e tamén aos alumnos e alumnas de 1º ESO B que participou cun traballo similar sobre o uso que fai da rede o alumnado de ESO do noso centro.
Na gráfica podedes ver nun diagrama de barras do traballo gañador sobre a dificultade das diferentes materias.