28 ene 2011

Non hai truco que valla, 2 non é 1


Buscade o erro antes de mirar os comentarios feitos por outros en youtube.

27 ene 2011

38,5 anos


Necesitariamos 4 047 120 contratos como este para poder xubilarnos aos 65 co 100% da pensión. Bromas de Forges aparte, a min non me saen as contas, cada vez é máis difícil atopar traballo, cada vez os contratos son máis precarios e polo tanto duran menos tempo, a xente moza vai pasar por varios traballos diferentes na súa vida laboral e por longas etapas de desemprego e, a pesares de todo isto, auméntase a esixencia de anos cotizados para poder xubilarse, non, non o entendo, non me saen as contas.


Neste diagrama de barras do Instituto Galego de Estatística, IGE, vemos a evolución do paro por idades en Galicia no primeiro trimestre de 2010, vese que ata os 30 anos non empeza a decrecer. Polo demais, o número 38,5 anos resúltame un pouco insultante, usar un número decimal para isto tan natural como é a xubilación non deixa de ser algo raro.

24 ene 2011

Cumbia matemática


Atopei este grupo e esta canción, mira que hai xente divertida, :)

estribillo:
Si querés emociones, sumáte unas fracciones
si querés moverte al ritmo, empleá los logaritmos
si querés ser prudente, calculá la tangente
y si querés pasarla mal, dividí con decimal…

20 ene 2011

Olimpiada matemática

Celebrouse hoxe venres a Olimpíada Matemática Galega. As probas realizáronse  na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela e, nesta fase,  seleccionáronse 9 estudiantes  de Bacharelato para representar a Galicia na Olimpíada Matemática Española.
Este curso participaron 195 alumnos de  bacharelato de toda Galicia, do noso centro 4 alumnas e alumnos de 1º e 2º de bacharelato.
Noraboa a todos e todas por participar nunhas probas tan difíciles.


Por segunda vez, Gloria de 2º Bacharelato B obtivo unha mención de honra. Noraboa Gloria.

18 ene 2011

O meu ordenador non coñece a lei


Se miramos nas propiedades do disco duro vemos que pon 37,2 GB = 39.950.188.448 bytes.  Atopamos dous erros, un de escritura do número e outro de transformación de unidades.

O número 39 950 188 448 débese escribir sen puntos (lei medida).

37,2 xigabytes equivale a 37 200 000 000 bytes e non a 39 950 188 448 bytes; o xigabyte é unha unidade do SI e a súa equivalencia é 1 GB = 1000 millóns de bytes, xa que o prefixo xiga- ( giga en castelán) equivale a 10^9, segundo a normativa internacional.

De onde procede este erro? estase usando o sistema binario e nel as unidades se transforman segundo potencias de 2, e hai unha unidade parecida en valor ao xigabyte que sería a que equivalente a 2^30 bytes, o que pasa é que a esa unidade non se lle debe chamar xigabyte, desde o ano 1999 propúxose como novo nome o xibibyte, este nome propuxo a  Comisión Electrotécnica Internacional  na normativa IEC 60027-2.

39 950 188 448 bytes no sistema binario, que é o que  se usa para estas medidas é igual a 37,2 xibibytes= 37,2 GiB, non xigabytes.

Estes erros son frecuentes e atoparedes mil exemplos, sobre todo onde se usen medidas binarias, non haberá erro cando estean usando o SI e se lle chame a 1000 bytes un quilobyte, que é o que é.


Tamén na rede atoparedes mil erros sobre o tema, pois a informacións que non estean actualizadas case seguro que son incorrectas. O que parece claro é que os "novos" nomes non deixan lugar á confusión e os que se usaron nun principio (e se seguen usando como vemos no exemplo) si dan lugar a mil confusións.

14 ene 2011

Bits e Bytes, quilos e quibis.


Existe unha certa confusión no manexo dos Bits e os Bytes. Se a isto engadimos que estamos afeitos a movernos no sistema métrico decimal (potencias de 10) e que as unidades informáticas moitas veces se moven polo sistema binario (potencias de 2) a confusión só fai que medrar. Os circuítos electrónicos de memoria usan unha arquitectura binaria polo que xeran potencias de 2 segundo imos usando máis circuítos.


Para empezar a desfacer a madeixa, hai que aclarar en primeiro lugar que 1 Byte = 8 Bits e que os seus respectivos símbolos son Byte = B, Bit = b, un con maiúscula e o outro con minúscula.


Lembremos que os prefixos quilo, mega e xiga son prefixos do sistema métrico decimal polo tanto o seu valor ven dado polas potencias de 10, como sabemos un quilo é 10 ao cubo ou sexa 1000. No  caso da informática 1 quilobyte =1000 byte, 1 quilobit=1000 bit, analogamente ocorre co megabyte (1 millón de byte), xigabyte (1000 millóns de byte) e terabyte (1 billón de byte).


Se queremos indicar unha unidade de 1024 bytes, sabendo que 1024 é 2 elevado a 10, entón esta unidade que tamén lle chamamos erroneamente quilobyte deberiamos chamarlle quibibyte, xa que os prefixos quilo, mega, xiga.. son exclusivos do sistema decimal e por suposto estas unidades non pertencen ao sistema decimal e tampouco ao S.I de medida. As unidades no sistema binario habería que chamarlles quibibyte, mebibyte, xibibyte e tebibyte ou quibibit, xibibit.... Este sistema de nomes non é popular pero é o correcto se estamos usando o sistema binario. No sistema decimal usaremos os nomes quilobyte, megabyte, xigabyte  cos valores axeitados. Unha vez máis a lei de medida obriga.


Aínda hai unha dificultade a maiores e é que no mundo informático mesturan un ou outro sistema segundo o que estean medindo, así a velocidade das redes mídense en bits, a capacidade de almacenamento en byte, os sistemas operativos usan a base binaria e os discos duros e tarxetas de almacenamento usan o sistema decimal. Conviven polo tanto nas unidades de medida informáticas dous sistemas de medidas, o decimal e o binario, e dúas unidades con nomes moi parecidos na fala o byte e o bit, o que nos pode xenerar unha grande confusión.


Lembrar tamén que aunque o nome sexa distinto en galego e castelán (gigabyte e xigabyte) o seu símbolo é o mesmo, os símbolos son internacionais, nesta caso GB.
Vamos que un grande lío, as medidas informáticas parecen o camarote dos irmáns Marx.:)

A ver se con estas táboas queda isto un pouco máis claro:


UNIDADES NO SISTEMA DECIMAL e S.I.
Prefixo          símbolo           valor
Quilo             k                 1kB    =  1 000                  bytes      =      10^3 B
Mega            M                1MB  =  1 000 000            bytes      =     10^6 B
Xiga              G                1GB   =  1 000 000 000       bytes    =     10^9 B
Tera              T                 1TB   =  1 000 000 000 000 bytes   =     10^12 B

UNIDADES NO SISTEMA BINARIO
Prefixo         símbolo                    valor
quibi              Ki                 1 KiB  =   1024  bytes                          =   2^10 B
mebi              Mi                1 MiB  =   1 048 576  bytes                  =   2^20 B
gibi                Gi                 1 GiB  =    1 073 741 824 bytes            =   2^30 B
tebi                Ti                 1 TiB   =    1 099 511 627 776 bytes    =    2^40 B

12 ene 2011

Rebaixas

Magnifico chiste de Davila para esta época de rebaixas, non vos deixedes enganar, mercade só o necesario e non vos deixedes manipular por catro números.

11 ene 2011

Grandes obras, grandes números



Hoxe inaugurouse en Santiago a  cidade da cultura cunha forte polémica social sobre a oportunidade desa grande inversión.
Esta obra está rodeada de grandes números: 148000 metros cadrados de superficie construida, 686000 metros cadrados de parcela, 476 millóns de euros de custo, 250000 libros na biblioteca,.....
Sen entrar na polémica, hoxe queda apreciar a beleza de formas xeométricas complexas deseñadas polos arquitectos Peter Eisenman  e  Hejduk.