27 nov 2013

Nicolas Bourbaki

Xa falei aqui da importancia dos matemáticos franceses  e deixei daquela pendente un capítulo ben importante.
Nicolas Bourbaki é o nome dun grupo de matemáticos franceses fundado en 1935, naceu este grupo co obxectivo de elaborar un tratado que contivera de forma clara, precisa e sistemática todos os resultados básicos das teorías existentes na matemática pura. 
Con esta esixencia de rigor propuxeron revisar os fundamentos das matemáticas. O grupo Bourbaki elixiu coma punto de partida, para a construcción da matemática, a lóxica formal, a teoría de conxunto e as estructuras. A primeira publicación do grupo foi "Elementos de matemáticas", que pretendía ser o fundamento coma no seu tempo fora os "Elementos" de Euclides.
O grupo mantivo unha actividade continua cos seus secretos, reunións e divertimentos. Houbo varias versións sobre a orixe do nome do grupo, ningunha confirmada, si se sabe de numerosas bromas en torno ao nome, unha delas dicir que era un matemático dun país inexistente, Poldavia. O grupo tiña entre 10 e 20 membros, mantiñan en secreto quen formaba parte do grupo e non se sabe que houbera ningunha muller. Fixaron os 50 anos como idade máxima para formar parte do grupo. Hoxe sábese que os membros fundadores foron Henri Cartan, Claude Chevalley, Jean Coulomb, Jean Delsarte, Jean Dieudonné, Charles Ehresmann, René de Possel, Szolem Mandelbrojt e André Weil, todos antigos alumnos da Escola Normal Superior de París.
A súa influencia nas matemáticas contemporáneas foi fundamental, desde os anos 50 pode dicirse que a esixencia de rigor foi aceptada universalmente nesta ciencia, así mesmo comezou unha expresión totalmente nova das matemáticas, os textos actuais nada se parecen aos anteriores a este grupo. Un dos méritos deste grupo foi precisamente o seu traballo como grupo, insatisfeitos cos manuais que había naquel momento decidiron escribir eles mesmos os textos para usar nas súas clases, repartiron o traballo, reuníanse de forma habitual nun restaurante do barrio Saint Michel de París, e tamén no vran, no que se considera o inicio dos congresos Bourbaki. Nestas reunións repartían traballo, discutían, revisában textos, etc.....os textos publicados debían acadar unanimidade no grupo. Foi un traballo sistemático e compartido e sempre asinado por Nicolás Bourbaki.
Debemos a este grupo notación e símbolos matemáticos como ,∪,, x∧y,...vocabulario matemático como "supraxectiva" e "bixectiva" ,.....
A obra de Bourbaki influíu na forma de ensinar matemáticas con resultados non sempre positivos. Botóuselle en cara ao grupo Bourbaki a introducción da "matemática moderna" en primaria e secundaria nos anos sesenta. Neses anos modificáronse totalmente os programas de matemáticas e introducíuse neles a teoría de conxuntos. Os libros de texto enchéronse de aplicacións, inxectivas, bixectivas, sobrexectivas, de productos cartesianos, de relacións simétricas, antisimétricas, transitivas, de conxuntos disxuntos, de símbolos, de diagramas de Venn,.... e, polo contra, perdeu peso a xeometría, o debuxo e a intuición.
Un dos membros de grupo, Dieudonne, defendeuse desta acusación dicindo que os seus textos ían dirixidos ao matemático profesional,  “Non se pode facer responsable a un autor polo uso que algunhas persoas fagan de súa obra, para xustificar teorías ou accións que el nunca defendeu” 
A miña formación matemática é bourbakiana, de feito estudiei o bacharelato entre 1969 e 1975  e daquela un número enteiro era unha clase de equivalencia, :)
No meu caso non tivo consecuencias graves, pois a min gustábanme as mates e entendía incluso isto, pero esta forma de enfocar as matemáticas só serven para un reducido grupo de persoas, as que adoran esta materia. Tanto formalismo, tanta notación, tanto rigor,  crea unha barreira que dificulta a comprensión da materia, barreira insuperable para algúns alumnos e alumnas. 
Manuel Prieto Alberca, catedrático da politecnica de Madrid, escribe esta carta a Bourbaki, na que fala do amor e do odio que xerou o grupo Bourbaki.

25 nov 2013

45


63 mulleres asasinadas no que vai de ano. Segundo o goberno, 45 foron víctimas da violencia machista, as outras 18 están en proceso de investigación, moito me temo que o machismo chegue tamén ata a forma de contar as víctimas.
Nesta pirámide da violencia quero este ano quedarme co machismo invisible, invisible para quen non o quere ver. Quizais deberiamos referirnos a el, non como machismo invisible, senón coma machismo consentido, pois somos consentidores de chistes sen gracia, de frases insultantes, de sms intolerables, consentimos que non nos respecten, consentimos que non nos traten coma a iguais,........ 
A maiores, no mundo dos adolescentes o machismo  atopou un cómplice na masa das redes: moitos dos nosos alumnos seguen a "trolls" que xeran pensamentos profundamente ofensivos coas mulleres, o anonimato na rede fai que sexa fácil emitir valores, frases que ninguén se atrevería a repetir diante de persoas, a facilidade de mandar un sms ameazante sen ni sequera ter que ver a cara de quen o le,  a facilidade de poñer me gusta sen reflexionar e que nos leva a poñer me gusta naquelo que nunca nos gustaría que nos pasara a nós, en twiter exhíbese, parece que con orgullo, o nick  "convdeviolarte", si, e ten máis de 70 000 seguidores e supoño que a ningún lle pareceu mal ese nick,  machismo consentido, machismo nos nomes, nos adxectivos, machismo no pensamento, machismo exhibido comodamente nas redes, en fin, machismo sen contrapeso.

Só derribaremos a pirámide da violencia se tiramos os cementos e parece que imos ao revés. Mágoa!!

6 nov 2013

Chámalle xe



Semana de actividades moi interesantes en Galicia sobre as matemáticas. 
Hoxe na facultade de matemáticas de Santiago estase desarrollando unhas xornadas sobre léxico matemático en galego. Eu son das que aínda lle chamo equis, creo que xa incorporei todo o léxico matemático galego pero resístese o  "xe". A ver se logo, :)
O sábado 9 de Novembro celébrase na Coruña unha xornada sobre o ensino da estatística, esa grande esquecida na ESO.
Por último celébrase  esta semana o día da ciencia en galego  dedicado  ao arquitecto BuckminsterFuller, a enfermeira e matemática FlorenceNightingale e ao artista e científico galego, creador de Sargadelos,  Isaac Díaz Pardo.
Aquí vos deixo unha película baseada na vida de Florence Nigtingale, considerada pioneira na aplicación da estatística na saúde pública e considerada unha das grandes no mundo da estatística.

2 nov 2013