Mostrando entradas con la etiqueta muller. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta muller. Mostrar todas las entradas

8 mar 2017

Iguais?

Hoxe 8 marzo pouco que celebrar, máis ben insistir en que temos dous grandes asuntos pendentes: acadar a igualdade real entre home e muller (dereitos, salarios, traballo dentro e fora, trato,...) e parar a violencia machista.
Igualdade?  teño a sorte de traballar nun sector moi igualitario: accedemos ao ensino secundario coa mesma titulación, co mesmo sistema de acceso,  ao mesmo posto de traballo, co mesmo salario, con iguais obrigas, os mesmos dereitos, con iguais funcións, ... e ademais contamos coa sensibilidade de case todo o profesorado, pero.... pero a realidade é teimuda.
No meu centro somos 58% profesoras, 42% profesores,  titoras 64%, titores 36%. Elección? non, nomeamento, diferenza sutil, 6 puntos, parece que a labor máis ingrata do profesorado é mellor que a fagan as mulleres. Tamén hai pequenas diferenzas nos cursos que impartimos, curiosamente a maior presenza de mulleres por nivel prodúcese en 1º e 2º de ESO. Non son diferenzas escandalosas, estamos nunha profesión femeneizada, pero coidado con pensar que hai igualdade, nona hai.
No equipo directivo non hai ningunha muller, de seis persoas con funcións directivas ningunha muller. O equipo directivo, no noso centro, está nomeado pola administración, xa, pero a administración nomea homes. Esa administración que encherá a boca con discursos de igualdade, nunca a usa como criterio nos nomeamentos. Que dicir do que transmite?  quen dirixe? os homes.
Tamén hai que falar do trato na aula, en xeral eu non tiven problemas nas aulas,  pero cando tiven alumnado con doses de violencia ou agresividade sempre tiven a percepción de que esa violencia o alumno ou a alumna  manifestábaa  máis frecuentemente nas aulas impartidas por mulleres que nas aulas impartidas por homes, nunca me estrañou, a aula é un reflexo da sociedade e moitas veces o alumnado só reproduce o que vive no seu entorno, ás veces a agresividade que nas casas soportan as mulleres, eles ou elas queren exercela na aula contra as profesoras. Triste e duro para moitas de nós.
Despois destas pinceladas sobre a igualdade no meu traballo, sobre a violencia vou usar unha frase dunha alumna do centro, frase tan dura como a vida de moitas mulleres "a sociedade moléstalle máis unha muller libre que unha asasinada".

25 nov 2013

45


63 mulleres asasinadas no que vai de ano. Segundo o goberno, 45 foron víctimas da violencia machista, as outras 18 están en proceso de investigación, moito me temo que o machismo chegue tamén ata a forma de contar as víctimas.
Nesta pirámide da violencia quero este ano quedarme co machismo invisible, invisible para quen non o quere ver. Quizais deberiamos referirnos a el, non como machismo invisible, senón coma machismo consentido, pois somos consentidores de chistes sen gracia, de frases insultantes, de sms intolerables, consentimos que non nos respecten, consentimos que non nos traten coma a iguais,........ 
A maiores, no mundo dos adolescentes o machismo  atopou un cómplice na masa das redes: moitos dos nosos alumnos seguen a "trolls" que xeran pensamentos profundamente ofensivos coas mulleres, o anonimato na rede fai que sexa fácil emitir valores, frases que ninguén se atrevería a repetir diante de persoas, a facilidade de mandar un sms ameazante sen ni sequera ter que ver a cara de quen o le,  a facilidade de poñer me gusta sen reflexionar e que nos leva a poñer me gusta naquelo que nunca nos gustaría que nos pasara a nós, en twiter exhíbese, parece que con orgullo, o nick  "convdeviolarte", si, e ten máis de 70 000 seguidores e supoño que a ningún lle pareceu mal ese nick,  machismo consentido, machismo nos nomes, nos adxectivos, machismo no pensamento, machismo exhibido comodamente nas redes, en fin, machismo sen contrapeso.

Só derribaremos a pirámide da violencia se tiramos os cementos e parece que imos ao revés. Mágoa!!

11 abr 2013

sandalia Möbius




A empresa United Nude naceu no ano 2003 da man do arquitecto holandés Rem Koolhaas e do zapateiro inglés Galahad JD Clark.

Esta empresa fabricou as sandalias Möbius, un zapato de culto, que cunha mesma tira une tacón, sola e empeine, formando un todo, grazas a unha banda continua que vai xirando en torno ao pé envolvéndoo, ou sexa que estamos ante unha banda de Moebius  

A sandalia Möbius inspirouse na silla Barcelona do famoso arquitecto Ludwig Mies van der Rohe, neste vídeo podemos ver como o deseñaron.


Eu son de zapatos simples, incluso sen tacón, pero non podo deixar de admirar a beleza desta mestura de deseño e abstracción.

8 mar 2013

Muller e matemática

"Il faut, pour être heureux, s’être défait des préjugés, être vertueux, se bien porter, avoir des goûts et des passions, être susceptible d’illusions" 
 Émilie Du Châtelet, Discours sur le bonheur

Émilie de Breteuil nace en 1706 nunha familia aristocrática francesa, casa aos 19 anos con Florent Claude, Marqués Du Châtelet, militar da nobreza, co que ten 3 fillos. Frecuenta a corte de Luis XV en Versalles, morre aos 43 anos, 8 días despois do parto do seu 4º fillo.
Émilie tiña unha intelixencia privilexiada, aos 12 anos falaba italiano, español, alemán, inglés  e traducía textos do latín; estudiou a Descartes, a Leibniz, a Newton,..Tivo coma profesores aos matemáticos Maupertuis e Clairaut.
A Emilie du Chatelet gustoulle a diversión, a vida social, a arte, o teatro, a ópera, o coñecemento científico. Tivo unha vida mundana intensa, na que se lle coñecen numerosas relacións con homes da alta sociedade. É nesta época na que se viste de home para poder entrar nas tertulias científicas dos cafés de París.
Entre as súas relacións, está sempre presente a que mantén con Voltaire, co que vive en varias etapas da súa vida, de feito, no ano 1734 os dous instálanse a vivir no castelo de Cirey,  propiedade do marido de Émilie. Voltaire paga a reconstrucción do castelo, a transformación dos xardíns e formaron unha biblioteca con máis de dez mil volumes. Fan do castelo de Cirey o lugar de traballo intelectual de ambos e un centro de reunión cultural de Europa. Nesta etapa Chatelet estudiaba 10 horas diarias.
En 1739 a academia das ciencias de París convoca un premio para traballos de investigación sobre o lume. Voltaire e Chatelet preséntanse  ao concurso, individualmente, gaña o premio Euler, pero o traballo de Chatelet é considerado tan bo que a academia decide publicalo, converténdose a "Dissertation sur la nature et la propagation du Feu", no primeiro traballo científico dunha muller impreso pola Academia de Ciencias de París. Para esta memoria, Émilie  fixo multitude de experimentos na súa casa que describe no estudio.
Tamén escribiu Institutions de Physique”  un tratado de física moderna que dedica ao seu fillo, e que tivo grande difusión e gran éxito, incluso creou unha controversia na teoría de forzas co matemático Dortous de Mairan, sendo a primeira discusión científica de envergadura dunha muller cun home. Neste libro combinou as teorías de Newton, Descartes e Leibniz, tan enfrontadas nesa época.
No prólogo escribe esta preciosa reflexión:
« J'ai toujours pensé que le devoir le plus sacré des hommes était de donner à leurs enfants une éducation qui les empêchât dans un âge plus avancé de regretter  leur jeunesse, qui est le seul temps où l’on puisse véritablement s’instruire ; vous êtes, mon cher fils, dans cet âge heureux où l’esprit commence à penser, et dans lequel le cœur n’a pas encore des passions assez vives pour le troubler. »
Fixo unha traducción dunha obra satírica inglesa na que se reivindicaba o dereito á igualdade da muller "Sur la fable des abeilles" de Mandeville.
Escribiu o "Discurso sobre a felicidade", no que  fala de que a felicidade acádase co estudio, marcándose metas e loitando por elas e tamén dí que para acadala axudan moito os privilexios da riqueza, aunque é unha evidencia, paréceme importante que o diga unha muller privilexiada coma ela. 
A obra máis coñecida de Chatelet é a traducción do latín ao francés do Philosophiæ Naturalis Principia Mathematica de Newton, pero non só pola traducción senón que explicou e ampliou algúns conceptos e incorporou os coñecementos e mesmo a notación usada por Leibniz  para explicar e facer máis entendible o libro de Newton. A día de hoxe sigue sendo a única traducción francesa deste libro.
En 1748 Emilie coñece ao poeta Marqués de Saint-Lambert, namorase e queda embarazada, no parto morre.
No ano 2006 dúas profesoras da Universidade París 12 organizaron unha exposición sobre ela, na que podedes seguir lendo desta impresionante muller, que é unha desas mulleres que fan que o mundo pareza mellor.  

25 nov 2012

43


"Una se avergüenza de ser la víctima de un hombre así y se abandona a una total soledad e impide a todos que se acerquen, incluso a sus propios hijos, porque una no quiere que nadie mueva un dedo, y menos que nadie ellos. Y allí se queda esperando el próximo ataque, que llegará sin aviso alguno, y está llena de odio hacia algo que no comprende, y la vida entera se convierte en la espera del siguiente ataque, ¿cuándo llegará, cuánto daño le hará, cuál será el motivo, cómo evitarlo? Porque cuanto más satisfago sus caprichos, tanto más asco siente él por mí. Cuanta más sumisión y temor le muestro, tanto más odio descarga él sobre mí. Y si me muestro indócil, entonces ya tiene un motivo para matarme a golpes. No hay forma de hacerlo bien. No hay forma."

"Esta noche eran las patatas. No le parecieron suficientemente cocidas. Eso es lo que pensó ella. También podrían haber estado demasiado cocidas, pasadas, crudas, sin pelar, mal peladas, peladas, no cortadas por la mitad, sin salsa, con salsa, asadas, sin asar, en puré, demasiado espeso, demasiado claro, demasiado dulce, no lo bastante dulce... Nunca se sabía, con él."

Con estes dous párrafos da novela La mujer de verde do escritor islandés ARNALDUR INDRIDASON, unha vez máis lembrar que si hai forma:

A forma é  apartarse do agresor, denuncialo.


A forma é valorar o afecto, o respeto, a liberdade, a igualdade, a alegría e, polo tanto, buscar iso nas relacións..


A forma é escapar das humillacións, dos celos, dos acosos, das chantaxes, das ameazas,.....


A forma é como dí a canción ¡Ay, Dolores! dos Reincidentes, voar, ser libre, gozar do que eres, romper as cadeas, escapar

 

8 mar 2012

mulleres

"O poeta debe ser capaz de ver o que os demais non ven, debe ver máis profundamente. E o matemático debe facer o mesmo." Sofia Kovalévskaya
Sen dúbida a mellor serie sobre matemáticas feita en España foi universo matemático de Antonio Perez para TVE. Este capítulo que vos poño "Mujeres matemáticas" é un dos meus preferidos. De non ser por aportacións como esta, seguiriamos pensando que só houbo homes na matemática. 
No ensino secundario falamos de Thales, Pitágoras, Cramer, Rouche, Frobenius, Sarrus, Gauss, Barrow, Bolzano, Newton, Neper, Ruffini, Tartaglia, Weierstrass, L`Hopital, Euler, ... Non hai mulleres matemáticas na historia? hainas, pero poucas en proporción aos homes. Algo terá que ver o conxunto de barreiras sociais e culturais que atoparon as mulleres desde os tempos máis remotos. Por dicir algunhas: as crenzas de que as mulleres non tiñan talento científico (Kant chegaba a dicir que era tan posible que unha muller tivese barba como que sentise preocupación pola xeometría; o matemático De Morgan consideraba as mulleres débiles e sen preparación física para actividades científicas), as dificultades que tiveron para obter unha educación matemática (nin sequera podían ir a universidade) e por suposto as tarefas que tiñan e aínda teñen encomendadas as mulleres (cociñar, limpar, educar aos fillos, coidar, administrar...)

Teano, Hypatia, Agnesi, Ada Byron, Sophie Germain, Sofia Kovalévskaya, Marquesa De Chatelet, Emmy Noether, Carolina Herschel, Mary Somerville, Grace Hopper, Mary Everest Boole, Florence Nightingale.... Ao mellor aínda hai quen pensa que non son coñecidas porque o que fixeron non é importante, mirade o vídeo e opinade, e tende en conta que igual que o binomio de Newton ten nome tamén o diagrama de sectores podería chamarse diagrama de Nigtingale, por poñer un exemplo sinxelo.

5 mar 2012

Espiral

“Bibliothèque pour enfants, Clamart, France”, Martine Franck, 1965
Martine Franck, naceu en Holanda en 1938, traballou como fotógrafa independente para revistas e xornais como Vogue, Life,  New York Times. Forma parte da axencia Magnum. Estivo casada con  Henri Cartier-Bresson. Preciosa espiral.

22 nov 2011

54

 

O 25 de Novembro celébrase o día contra a violencia de xénero. Buscando imaxes para esta entrada, atopei este cartel do Concello de Xixón. Gustoume o lema "El amor no duele", efectivamente, as relacións amorosas son elixidas voluntaria e libremente e teñen un obxectivo pracenteiro polo tanto non poden doer, se doen algo vai mal. É posible que a dor se deba a que non es ben tratada, a que te humillan, te amenazan, te controlan, te insultan, te menosprezan ..  Cómpre, pois, que analices as causas do teu malestar e da túa dor. Se atopas algún indicio de maltrato, lembra que só hai unha alternativa, non creas que vai cambiar, se te maltrata déixao á primeira sinal, é o único camiño cara a túa felicidade e a túa liberdade.
54 mulleres asasinadas no que vai de ano, miles de denuncias e miles de silencios son motivos para estar alerta.
Déixovos unha triste canción de Haze "Rompe tu silencio", onde describe os sentimentos dunha maltratada.

4 nov 2011

Ciencia en galego?


Hoxe celébrase o II Día da ciencia en galego, dedicado ás mulleres na ciencia, en particular, a Marie Curie e María  Wonenburger.
Os estudiantes e profesores de matemáticas temos moita sorte, pois, podemos estudiar, consultar ou ler a nosa materia case en calquera idioma; as matemáticas usan o seu propio idioma, un idioma universal, claro e preciso.
Os  galeg@s temos tamén moita sorte de ter un idioma que nos enriquece e que nos achega a outros moitos idiomas, coma ao deste divertido vídeo brasileiro sobre a vida de Marie Curie.
A resposta ao título do post está ben clara, ciencia en galego, en castelán, en portugués, en francés, .. en cada lugar no seu idioma. Aquí en galego.

20 sept 2011

Xilbarbeira


Xilbarbeira era o nome que escollera Mª Xosé Camba para o seu blog. Nesta primeira entrada do curso quero lembrala  coa foto de cabeceira do seu blog. Este vran perdemos de forma repentina e inesperada a unha das grandes profesoras deste centro e a una das mellores persoas do claustro.  Eu perdín, tamén, un referente ideolóxico, pois cando necesitaba saber se o meu pensamento e as miñas opinións sobre funcionamento de centro  ou sobre o alumnado ían na liña axeitada preguntáballe a ela, Mª Xosé era para min a persoa con máis cabeza política e  sentidiño de todo o claustro. Este centro non será o mesmo sen ti. Lembrarémoste sempre.

13 mar 2011

Grande Shakira


Mandoume Carmen este enlace co discurso de Shakira sobre a importancia da educación, quédome coa frase de que a Afganistán hai que mandar 30 000 mestres en lugar de 30 000 soldados, pero podía escoller outras neste tremendo discurso.

14 dic 2010

Paralelas

No end in sight (1939). Dorothea Lange

Dorothea Lange é unha das miñas fotógrafas preferidas, ela retratou coma ninguén a pobreza, a emigración e os longos camiños a ningures, xerados pola grande crise dos anos vinte e trinta en Estados Unidos.

13 dic 2010

Premio á innovación educativa


A profesora do noso centro, Carmen Cid Manzano, obtivo o premio á Innovación Educativa polo traballo Ciencia en feminino. Este vídeo sobre a matemática Hipatia de Alejandría forma parte dese traballo. Noraboa.
Máis información

23 nov 2010

75

75 mortas en España, no que vai de ano 2010, víctimas da violencia machista.


Como di neste cartel aceptar o primeiro maltrato é o inicio dunha larga lista de humillacións.


Nas nosas mans está non permitir a primeira, nas nosas mans está crear relacións afectivas, amorosas e/ou sexuais baseadas no afecto, no respeto, na liberdade e na igualdade.


Se, polo que sexa, tropezamos cunha persoa que non entende así as relacións e recorre a violencia, demostrando con elo a súa incapacidade, entón hai que deixalo e denuncialo, non hai outra.

Déixovos un enlace a unha preciosa e triste canción de Los Suaves:

Pobre Sara

14 nov 2010

Maria Wonenburger, doctora honoris causa pola Universidade de Coruña

Hoxe un artigo no País sobre esta grande alxebrista.
O curso pasado Gloria, dirixida por Carmen Cid Manzano, fixo un traballo sobre esta matemática galega na clase de Ciencias do Mundo Contemporáneo. Grazas ás dúas por facer visibles as mulleres científicas.


3 nov 2010

Os nomes das Matemáticas




Sempre hai quen esquece que houbo mulleres na ciencia, afortunadamente outros nolo lembran con vídeos como este, realizado por Mª Jose Martin do IES Villarrubia de Córdoba.

Podedes ampliar a información nestes dous vídeos, 1 e 2, da serie Universo Matemático

21 oct 2010

Camiños

The Road West: Dorothea Lange

Inicio esta andaina sen saber moi ben hacia onde camiñar, por un lado penso que sería útil un blog escolar, onde poñer complementos ao traballo diario da aula, sen grandes pretensións, nin científicas nin educativas; por outro lado, gustaríame usar este blog para poñer vídeos, fotos, artigos de prensa, chistes, etc. esas Matemáticas que na aula nunca temos tempo de mostrar porque o “programa” nos aprisiona. Mentres non defina mellor o camiño tamén lle darei cabida a algún tema persoal. Espero que algún/a de vos atope algo do seu interese.
O nome,
dous ferrados, é en referencia a unha desas unidades de medidas condenadas á extinción, como moito vocabulario galego.
O meu avatar é unha pintura de
Maruja Mallo.