25 oct 2013

PIPAS

Pipas é una curtametraxe de Manuela Moreno, nesta páxina de divulgamat podes ler unha interesante entrevista á autora. Na curta dúas amigas falan dun alumno que volve ao ensino en busca do título da ESO. 
Este curso traballo no nocturno, onde a realidade é diversa: alumnos que van e veñen, que traballan de vez en cando, que levan anos desconectados do ensino, que andiveron polos ciclos medios, polos PCPI, pola ESA e que agora queren sacar o título de Bacharelato, alumnos rebotados do diurno, ...., alumnos que deixaron as mates case de última materia para sacar o título. O dito, unha realidade diversa e ao mesmo tempo unha realidade educativa gratificante para o docente, pois dá a impresión de que aqui ninguén está por estar, están por algo e están voluntariamente, intentando compaxinar vidas de adultos con un ensino regrado. Un placer para min traballar nestas condicións. Para celebralo e recuperar o humor despois da folga, esta agradable curtametraxe que tivo os premios a mellor guión e mellor dirección na XI edición do Notodofilmfest.


)

23 oct 2013

Folga contra a LOMCE


O xoves estarei en folga  e perderei o salario do día por varios motivos, uns de cabreo xeral e outros por desacordo coa nova lei que se está a  tramitar.
O meu cabreo xeral é que estou farta de mentiras,  o ensino non mellora reducindo profesores, o ensino non mellora aumentando o número de alumnos nas aulas, o ensino non mellora se damos materias das que non somos especialistas, o ensino non mellora se non hai xestión democrática nos centros, o ensino non mellora se os gobernos  nin sequera intentan o consenso nunha lei educativa, cada goberno fai a súa para un par de anos ou como moito para 4 anos. 
Deixo de último cabreo, pero non menos importante, que nos últimos 3 anos aumentáronme as horas de traballo e baixáronme o salario, que o ano pasado non cobrei unha extra e que este ano no vrao só cobrei media extra e no Nadal só cobrarei media extra, ou sexa máis do mesmo pero disimulado, volvéronme a quitar unha paga extra.
O relatorio anterior  ven sendo as medidas que se están aplicando nos centros nos últimos 3 anos, e  chaman a nova lei, lei de mellora da calidade da educación, o que hai que aguantar!!!
Vamos a lei:
Dúas reválidas: unha en cuarto da ESO para sacar o título, outra ao rematar o bacharelato para sacar o título. Poñer unha reválida é desconfiar da avaliación que fai o profesorado, poñer unha reválida é uniformar o ensino, uniformar as aulas, poñer unha reválida é seleccionar ao alumnado, poñer unha reválida pode ser o negocio dalgúns, poñer unha reválida condiciona o traballo docente no día a día, dificulta a liberdade na aula e dificulta o poder realizar actividades diferentes. A min gústanme as diferencias, non me gustan os uniformes.
Dobre titulación na ESO: unha para FP e outra para Bacharelato. O ensino obrigatorio non debe dar diferentes titulacións,  se é obrigatorio debe ser igual para todos.
A relixión sube de categoría e convértese nunha materia optativa, no mesmo nivel de importancia que  a 2ª lingua estranxeira ou debuxo técnico.  Non sei que adxectivo pórlle a este apartado, pero el só é motivo para ir á folga.
Desaparecen no bacharelato materias coma Electrotecnia, Métodos estatísticos e numéricos, outra vez uniformes!!,  a min gústame a variedade. A desaparición de métodos estatísticos e numéricos neste mundo de sondaxes,  de estudios de mercado, de avaliacións,... non a entendo.
En terceiro e cuarto de ESO diferencian dous tipos de matemáticas: a unha chámanlle académicas e a outra aplicadas. Que pouca reflexión!, evidentemente o curriculum das matemáticas necesita unha reforma urxente, pero a estas alturas de desarrollo tecnolóxico, non deberían ser todas as matemáticas aplicadas?
No bacharelato de sociais desaparecen as matemáticas aplicadas ás ciencias sociais coma materia obrigatoria de modalidade e pasa a ser optativa, quedando o latín coma obrigatoria de modalidade, sexamos serios!!!!!!!!!!!, pode que as matemáticas non teñan que ser obrigatorias pero que o latín sexa o obrigatorio a costa das matemáticas cústame asumilo!!, ata podería entender que puxeran obrigatoria unha literatura, a historia do mundo, a economía ou unha historia da arte,... pero o latín!!!!!!!!! tampouco vou poñer adxectivos.
Pareceume grave cando di que 1º de ESO pódese organizar por ámbitos para facilitar a integración dos alumnos de primaria, máis ben penso que será para aforrar cartos e usar un profe para dar varias materias, din moitos anos 1º de ESO e nunca vin problemas que necesiten esta medida.
Na lei hai máis cambios, adiantase a diversificación a 2º de ESO, cambia a FP,....Non sei valorar alguns deses cambios, tería que escoitar opinións a favor e en contra argumentadas e contrapostas, pero non houbo debate, na tramitación desta lei só houbo insultos ao profesorado, insultos aos nosos idiomas, prepotencia e imposición. Faltou e falta cultura democrática, a ver se a adquirimos coa relixión!!!

15 oct 2013

Exames

LER, PENSAR, ORGANIZAR, DECIDIR, OPERAR, CONTESTAR 
 Ás veces non hai que calcular
para contestar ás preguntas, :)
Bótalle un vistazo xeral ao exame e empeza pola pregunta que teñas mellor preparada ou que che pareza máis fácil. Para chegar ao 10 hai que primeiro sacar un 5 e se estudiaches chegar ao 5 é fácil, só hai que porse. Cando teñas o 5 asegurado vai polo 10!
En cada pregunta ou exercicio, le coidadosamente o enunciado antes de empezar a contestar. Unha vez lido o enunciado pensa ben o que tes que facer antes de porte a operar ao tolo. Nos problemas é fundamental comprender o enunciado: se é necesario, le dúas veces o problema. Busca unha estratexia ou método para resolver o problema. Aplica paso a paso a estratexia ou método de resolución. Realiza coidadosamente os cálculos. Finalmente contesta claramente ao que che pregunten.

OPERA CON SENTIDIÑO   

Nos exames analiza os resultados, se sabes ou intúes que unha operación vai mal, revisa operacións ou fainas de novo.



Antes de facer unha simplicación, ¡¡¡reflexiona!!! 


COIDA A PRESENTACIÓN DO EXAME

Escribe con letra clara e lexible. O que para ti é obvio e cres que se  entende pode non selo para quen corrixe o exercicio. Non amontoes as letras, nin as liñas escritas. Se non escribes claro, acabarás convertindo un 2 nun 7, perdendo un signo, ....e de aí ....ao caos!!
Separa en parágrafos as diferentes ideas ou os diferentes pasos dun problema.
Non fagas tachóns rechamantes. 


CONCÉNTRATE E ESFÓRZATE

Sobre todo pon os cinco sentidos no exame, non é o momento de pensar noutras cousas nin de facer por facer, un exame é un momento de esforzo máximo onde debes aproveitar todo o que sabes, o que estudiaches e ata o que intúes. Pasa de preguntarlle resultados aos compañeiros, ao mellor lles van mal e aumentará a túa inseguridade. Se  quedas en branco ou te lías nunha pregunta pasa a outra pregunta, xa volverás a esa ao final.
Se tes unha crise de ansiedade: para, relaxa, respira lenta e profundamente, controla os nervios e despois volve ao exame.
Se eres dos que copias, se sinceiro contigo mesmo e lembra as poucas veces que acadaches o aprobado copiando, quizais debas mudar de método!
ESFÓRZATE ao máximo, non deixes as cousas a medias, aprobar é estupendo, e a fronteira entre o aprobado e o suspenso pode estar na maneira de facer o exame.

10 oct 2013

froitas e xeometría

Şakir Gökçebağ é un artista turco que fai fotografías e instalacións artísticas con obxectos cotidianos. Entre os seus traballos hai un ben curioso, no que constrúe perfectas figuras xeométricas usando froitas e outros alimentos. Mirade o que fai con xudías, pementos, sandías e mazás.







9 oct 2013

O recibo da luz

Gráfico do meu recibo da luz do mes de xullo

Esta hoxe o país escandalizado porque non entendemos os gráficos do recibo da luz, coma se iso fora moi  doado.
Vou intentar explicar o gráfico que me mandou Fenosa - Gas natural no mes de xullo deste ano. Coma unha imaxe vale máis ca mil palabras, a cousa está bastante clara, eu en xaneiro non cociño nin poño a lavadora nin prendo as luces, menos mal ca calefacción téñoa de gasóleo así que frío non paso, sen embargo no mes de marzo non sei que fago, debo ter o forno acendido todo o día. 
En fin, ironías aparte, é imposible entender este gráfico por varias razóns, en primeiro lugar no eixe OX non respecta a escala, ás veces hai un mes, ás veces 2, ás veces 3 meses. Ademais é un gráfico de facturación non de consumo, e xa se sabe que as eléctricas facturan cando e como lles peta, así que a imaxe do gráfico non ten nada que ver co meu consumo, ten que ver coas datas en que eles len contadores e co período entre lecturas e ata hai pouco coas estimacións de consumo que a compañía facía. Así que, en resumo, ese gráfico non vale para nada. Non vos preocupedes se non o entendedes!!!
Imos ver se damos entendido o recibo, o mesmo do mes de xullo.
No meu caso teño contratado 3,3 kW que custan 0,059981 euros por kW e día, así que me facturan 58 días que dan un parcial de 3,3x0,059981x58= 11,48 ( por que usarán tantos decimais se queren que a xente entenda os recibos?)
O meu consumo foi de 154 kwh, pero coma deberon subir as tarifas no medio do período, cóbranme 125 kwh a 0,138658 euros/kwh e os outros 29 kwh a 0,140728 euros/kwh o que dá 125x 0,138658= 17,33   29 x 0,140728= 4,08
Cóbranme 1,14 euros polo aluguer do equipo? 
O imposto eléctrico cóbrase en dúas fases, 
·      fase 1: multiplícase o consumo máis o contratado x 1,05113 ( ou sexa todo o anterior agás o aluguer do equipo) (11,48+17,33+4,08) x 1,05113 = 34,57
·        fase 2:  págase o 4,864% desta cantidade 34,57 que queda 1,68
Finalmente cóbrase o 21% de IVE da suma do todas as cantidades anteriores
21% ( 11,48+17,33+4,08+1,14+1,68)= 7,5
total factura 11,48+17,33+4,08+1,14+1,68+7,5= 43,21

Efectivamente a factura da luz pódese entender, se se ten paciencia para manexar miles de números decimais, se se le o BOE para estar ao día de tarifas que cambian cada mes, se se asume que para cobrar impostos dean tantas voltas, .....Pero a pesar de todo, solo son sumas e productos, pódese entender.

Pero entenderíase mellor se non mudaran as tarifas no medio dun período de facturación, incluso se non se mudaran as tarifas 20 veces ao ano como fan ultimamente, entenderíase mellor se non cobraran no mesmo recibo dous impostos e un deles cunha fórmula en dúas fases ben rebuscada, entenderíase mellor con menos decimais, entenderíase mellor si a letra dos recibos fora máis grande.

Eu non vou negar que o nivel en matemáticas en España sexa malo, seguro que o é, pero non por isto, se a xente non entende o recibo da luz a culpa é das eléctricas que fan recibos imposibles de entender, se a xente non da comparado as ofertas de telefonía é porque as empresas de telefonía o queren así, para que o consumidor estea indefenso. Vivimos nun mundo en que as grandes empresas abusan do consumidor  e unha forma de abusar é facer difícil o fácil. Vivimos nun mundo onde a transparencia non existe e complicamos as tarifas ata o infinito para que o consumidor non saiba escoller. A culpa non é das mates.

4 oct 2013

A raíz cadrada

Campaña da La Fundación de Ayuda contra la Drogadicción de homenaxe aos docentes
  Resulta curioso que cando alguén quere poñer de manifesto que non sabe matemáticas recorre ao exemplo de que non sabe facer nin unha raíz cadrada, e non se refire a que non sabe a raíz de 81, refírese a que non sabe o algoritmo que permite calcular a raíz de calquera número.
Cando rematei a carreira e volvín ao insti a dar clases, daquela en 1º de BUP, non lembraba o algoritmo da raíz, tiven que revisalo, e sen embargo daquela eu sabía moita matemática. Hoxe téñoo ao día porque o uso nas clases de 1º de ESO, só por iso, pois estou segura que se o quitaran do programa esquecería deseguida esa cousa tan artificial e complicada, :)
Saber facer unha raíz cadrada coma a da foto ten pouco que ver con saber ou non matemáticas, pois a xustificación  deste algoritmo é ben difícil de entender, e a necesidade de saber o resultado dunha raíz nola resolve rapidamente unha calculadora. Sen embargo o algoritmo por si mesmo pode valer para moitas cousas, pode ser un bo antiestress, pode darnos seguridade e rapidez no cálculo,  pode axudar a que pase o tempo máis rápido nunha aula,..... Coma moito do que se fai na escola, aunque non signifique un coñecemento importante, ten outros efectos colaterais de moito interese.  De non ser por estes colaterais,  para min o interesante das raíces está en entender o concepto e poder sacar conclusións para as diversas utilidades da raíces.