22 mar 2012

Estudantes fartos e sen futuro?


Dous vídeos de dúas organizacións de estudantes que teñen presenza en Ourense, a Liga estudantil galega e Estudantes sen futuro. Nomes ben acaídos para estes tempos que nos toca vivir, tempos nos que se está abrindo unha brecha social na que os ricos van sendo máis ricos e os pobres máis pobres. 
Tamén as matemáticas serven para medir as desigualdades sociais. Para elo usa varios indicadores.
O índice Gini, ideado polo estatístico italiano Corrado Gini é un indicador que mide a cohesión social.  O índice varía de 0 a 1. Canto maior sexa este coeficiente maior é a desigualdade social. O Eurostat, organismo estatístico da Unión Europea é o encargado de publicar periodicamente o índice de Gini.
Nos  últimos datos publicados vemos que en España o coeficiente Gini multiplicado por cen, para facilitar a comparación, pasa de 30,7 en  2004 a 33,9 en 2010, máis de tres puntos de aumento. Ademais no ano 2010 ocupamos o posto terceiro pola cola dos 27 países da Unión europea, só en Lituania e Letonia hai máis desigualdade que en España, a media europea está en 30,5. O coeficiente Gini de Galicia no 2010 é 27,8 menor que en España pero tamén subiu lixeiramente nos últimos anos.
Outro indicador usado para medir a cohesión social é a ratio S80/S20, este calcula o cociente do rendemento total recibido polo 20% da poboación con maior renda (encima do percentil 80) e o recibido polo 20% da poboación con menor renda (baixo o percentil 20). Polo tanto, canto maior é o índice maior é a diferenza entre os ricos e o pobres. Tampouco este indicador é esperanzador, nos últimos datos de Eurostat, España pasa de 5,1 en 2004 a 6,9 en 2010, sendo a media europea 5 e só Letonia nos iguala, ou sexa que se mire o índice que se mire, neste país que vivimos, os ricos van a mellor. A ratio s80/s20 galega no ano 2010 é 4,2 moi inferior a media estatal e a media europea pero tamén subiu unha décima ou dúas se comparamos cos anos 2006  ou 2008 respectivamente.
Hai outros indicadores que miden a cohesión social como o limiar da pobreza, taxa de risco de pobreza etc, os datos de Galicia téndelos nesta páxina do IGE. A nosa comunidade ten mellores cifras que España, afortunadamente.
É moi difícil admitir que esta suposta crise na que nos meteron os supostos mercados serva para que xente se enriqueza mentres a outros os mandan ao paro, a outros nos ameazan con recortes, baixadas de salarios ou nos insultan desde os ministerios poñendo en dúbida a nosa profesionalidade e incluso chegando a dicir que traballamos pouco. Vivir para ver.
Ogallá estes estudantes sen futuro teñan criterio propio, forza e capacidade para construír un futuro e  para non perder, como ben din eles nos vídeos, os dereitos conquistados nunha longa historia dos traballadores.

No hay comentarios: