8 jun 2017

Ponme un cinco


O alumnado de nocturno ven ao Otero a sacar o título de bacharelato, recollemos alumnado de moitos centros de Ourense, alumnos que en 2º veñen con só 3 ou 4 materias suspensas, coas matemáticas veñen moitos, parece que hai un rumor de que aquí son máis doadas de aprobar. Ourense é unha cidade pequena e os rumores aí están, esaxerando ata poden dicir que regalamos o aprobado, :)
Bueno……
Os rumores son libres, pero un aprobado depende de varias variables. Vou analizar algunha.
En primeiro lugar, o profe e a materia, eu explico as matemáticas fáciles, ou sexa as mesmas que outros explican, pero a algúns ninguén os entende e a min si, quizais porque a miña linguaxe  cando explico é pouco prepotente e selectiva matematicamente falando, quizais porque fago máis exercicios que teoría, quizais porque continuamente busco a utilidade e a simplicidade no razoamento, quizais porque preparo e programo cada clase, ...... 
Hai profesores que explican as matemáticas dificiles, esas nas que a árbore da linguaxe matemática impide ver o bosque ou esas nas que é necesario ter unha extrema capacidade e/ou intuición matemática para salvar as excepcionalidades e os agravantes nos problemas dos exames.
Tamén axuda aos meus aprobados, que dedico a hora que teño para atención a pais a explicarlle dúbidas ao alumnado, en nocturno temos a sorte de que non veñen pais, así que eu esa hora en vez de irme á sala de profes, dedícome a explicar dúbidas e cando é preciso habilito máis horas para este menester, dicir que teño clientela continua. En díurno isto non é posible, a racanería da administración fai que o profesorado estea a tope de traballo e non poida dedicar ningunha hora a dúbidas.
Dito isto, eu teño regalado algún aprobado e vou contar un deles porque ten que ver coas matemáticas e as súas complicacións e coas funcións do profesorado.
Tiven un alumno, que chegou aquí con só 2 materias suspensas para rematar o bacharelato: Mate I e Mate II.
Nada máis ver iso, acendeuse unha alarma profesional en min: este alumno ten que estudar, ten que aprobar porque non pode quedar sen o titulo polas mates; así que falei con el a primeira semana de curso:
- Como te vas a organizar? 
- Que vas a facer?   
- Que fas coas mates de primeiro? 
- Vas por pendentes ou vas co curso normal? 
Todo o curso andei pendente del, “mira que non te podes permitir o luxo de faltar a unha clase”, “mira que se non entendes non o vas facer ben” ……,
Ben, a alarma cumpliu a súa función: conseguida a responsabilidade do alumno. Aclaradas as súas dúbidas, revisados os seus exercicios, chegaron os exames,  empezou a sucesión de catros.
Nos primeiros catros revisei a fondo o exame, efectivamente cando tiña que multiplicar 2 por 1  puña 21, onde había 3x5 puña 8, claro o simple é dicir “ é que non sabe operar”, pero sabemos que operar é outra cousa, o que si é certo que estes erros estragaban a nota, pero nun exame ademais da nota numérica hai moitas outras notas, nun exame se ve o traballo do alumno, se ve se entende ou non, e se estuda ou non, este alumno estudaba,  por problemas de concentración ou por calquera outra causa estragaba cada exercicio. Esta é unha dificultade a maiores que sempre teñen as matemáticas, podes saber e entender e facer moi mal un exame.
Cada vez que o alumno viña ver a nota, sempre reaccionaba igual, saia escopetado, contendo as lágrimas e non dicía nin mu, tampouco eu, esperaba ao próximo día para mostrarlle de novo o exame, sabía que a impotencia do 4 non lle permitía ver o que facía mal e polo tanto, o que debía corrixir.
O alumno nunca me pediu o cinco, eu púxenllo.
Un regalo? Non, de ningunha maneira, moito traballo pola súa parte e pola miña e sobre todo unha idea: non lle puxen un 9 nin un 10, lle puxen un 5, só iso, un 5 que lle permita seguir coa súa vida académica, un 5 impedindo que as mates foran un obstáculo na súa vida, xa pagou cun ano a súa falta de habilidades matemáticas.
Por iso me gustou tanto este vídeo, aínda que non comparto o mal que fala das mates, si comparto o de ponme un cinco, por suposto só cando considero que hai traballo detrás, :)