4 nov 2011

XIX Concurso Canguro Matemático 2012

Acaba de convocarse a inscrición no Canguro Matemático, unha proba de matemáticas, tipo test, que se celebra en todo Europa. A proba será o xoves 15 de Marzo de 2012 á tarde.
O ano pasado participaron máis de 6.000.000 de alumnos e alumnas de ESO e Bacharelato.
Esperamos que vos animedes a participar nesta proba que sempre ten problemas de moito enxeño. O curso pasado, o alumnado do noso instituto obtivo moi bos resultados e este curso aínda podemos mellorar, :)
Aquí tendes as probas doutros anos e máis información.

Ciencia en galego?


Hoxe celébrase o II Día da ciencia en galego, dedicado ás mulleres na ciencia, en particular, a Marie Curie e María  Wonenburger.
Os estudiantes e profesores de matemáticas temos moita sorte, pois, podemos estudiar, consultar ou ler a nosa materia case en calquera idioma; as matemáticas usan o seu propio idioma, un idioma universal, claro e preciso.
Os  galeg@s temos tamén moita sorte de ter un idioma que nos enriquece e que nos achega a outros moitos idiomas, coma ao deste divertido vídeo brasileiro sobre a vida de Marie Curie.
A resposta ao título do post está ben clara, ciencia en galego, en castelán, en portugués, en francés, .. en cada lugar no seu idioma. Aquí en galego.

24 oct 2011

Un número chamado e

Parece que se falamos do número e, tamén temos que falar de Euler, ao que debemos dúas grandes fórmulas.
A Identidade de Euler está considerada como unha das máis fermosas igualdades matemáticas,  relaciona as cinco constantes numéricas máis populares, os números 0, 1, π, e, i,
Relación de Euler
Igual de importante e sinxela a Fórmula de Euler, que relaciona, nun polígono convexo, o número de caras (C), o número de vértices(V) e o número de arestas (A):
Do número e podes saber neste vídeo, da colección Máis por menos que fixo Antonio Perez para TVE no ano 1996. 
Para saber das aportacións de Euler á ciencia escoita este audio do programa "A hombros de gigantes".

20 oct 2011

Bat bi hiru lau

A letra da canción "baga , biga, higa, laga ..."  repite unha secuencia baseada nos números: un , dous, tres, catro... ( bat, bi, hiru, lau...en euskera ) e din que ten a súa orixe nun conxuro pronunciado polos aquelarres. Despois converteuse nunha canción popular vasca que as nais e avoas ensinaban aos  nenos para que aprendesen a vocalizar correctamente. Mikel Laboa popularizouna e no documental "La pelota vasca" Julio Medem  fixo esta montaxe impresionante. A forza que transmite é a necesaria para xestionar a paz, hoxe que ETA deixou as armas. Non podo menos que celebrar esta noticia eu que tanto quero a ese país que foi o meu durante 20 anos.

Napier

 John Napier dálle o nome aos logaritmos neperianos. Napier inventou un ábaco para calcular productos e cocientes de números. Os "Huesos de Naiper" constan de 10 varas correspondentes aos díxitos 0 a 9. En Cada vara aparecen os múltiplos do número que encabeza a táboa, separando os díxitos coa diagonal. Con este sinxelo ábaco pódense realizar complexos productos e divisións de números de varias cifras. Este aparato foi un precedente da calculadora.
Para entender como se realizan os productos e divisións basta ler con atención este artigo do xornal El Mundo.
Neste audio do programa "A hombros de gigantes" de RTVE podedes escoitar a biografía de Napier, un tipiño moi, moi raro, :)

16 oct 2011

Máis ou menos


Estupenda ilusión óptica de Greenpro

11 oct 2011

O censo que xa non é un censo


O INE ( Instituto Nacional de Estatística) vai realizar o censo de poboación 2011. Os censos teñen como obxectivo o reconto da poboación do estado e o coñecemento da súa estructura, para elo realizábanse enquisas en todos os domicilios do estado cuns cuestionarios sobre idade, sexo, nacionalidade, estado civil, formación, actividade económica, relacións parentesco entre os que viven nesa vivenda, características da vivenda, …, todo, preguntaban todo, pois tratábase de facer un retrato axustado das condicións de vida dos cidadáns españois.
O censo realizábase cada 10 anos desde 1877. Este ano por primeira vez vaise realizar unha mostraxe en lugar do censo universal e farase o cuestionario só a unha mostra do 10% da poboación, uns 3 millóns de vivendas.
O motivo dado polo INE para este cambio e a necesidade de aforrar en tempos de crise, de feito este ano só van contratar 4 000 enquisadores fronte aos 40 000 contratados para a realización do último censo de 2001. Tamén alega o INE que outros países Europeos están realizando este tipo de modificacións.
A medida esta xerando polémica entre estatísticos e sociólogos. O que está ben claro é que o nome non pode ser censo, cando o que fai o INE é unha mostra e unha inferencia dos datos obtidos na mostra.
Noticia en EL País 
Para ver como cambiou España nos últimos 150 anos, pódese consultar este interesante documento.

6 oct 2011

Os nosos números

Pirámide de poboación para Galicia no ano 2008. Fonte IGE
Estes días na prensa  falan de pagas de 20 millóns de euros e a min mesma éme difícil facerme unha idea de canto significa realmente esa cantidade, manexamos os números en abstracto pero moitas veces cando nos mandan concretar non sabemos asignar cantidades razoables a cousas reais.
Na aula isto vese a diario, se lle preguntamos a un alumno cantos habitantes ten Ourense pode responder calquera cousa, por iso pensei facer un post de números, de cantidades reais. Escollín datos ou moi significativos ou que a min me interesan, espero que a vos tamén. Se vos interesan outros datos, podedes ver aqui un resumo da situación de Galicia no 2011.
Dicir que cando vemos aí que o ingreso medio por fogar en Galicia é de 2010 €, temos que saber que para o cálculo desa media tívose en conta os ingresos nos fogares dos "altos financeiros" e similares; eses claramente soben a media, faltaríanos saber a desviación típica ou algunha outra medida da dispersión deses ingresos medios. Todos os datos están sacados do IGE (Instituto Galego de Estatística).
Habitantes Galicia:  2 794 516
Superficie:  29 574,8 km²
Saldo migratorio: 6 647
Número medio de fillos por muller: 1,1    
Taxa de actividade  54,6%  
Taxa de paro 15,4 %
Taxa de risco de pobreza 14,32 %
Ingresos medios mensuais por fogar:  2 010 €
Esperanza de vida ao nacer dos homes:  78,3 anos
Esperanza de vida ao nacer das  mulleres: 85,1 anos
Número de médicos colexiados: 5 293
Parque de vehículos: 1 873 069
Centros públicos de ensino non universitario:  1 168
Profesoras de ensino non universitario: 25 702
Profesores de ensino non universitario: 11 872
Alumnado no ensino non universitario:   372 885
Alumnado no ensino non universitario en centro públicos:   272 875 
Poboación Concello Ourense: 108.673
Superficie queimada en Galicia en 2010:  14.807,34 hectáreas
Acidentes laborais mortais en 2009 en Galicia: 74 

28 sept 2011

Conectad@s

 
Este traballo foi realizado por Florina, Michaella, Mariana, Yelco e Alex para participar no I Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos. Un traballo moi interesante sobre o uso que fai de internet o alumnado de ESO do IES Otero Pedrayo. Aqui podedes ver o estudio completo.

21 sept 2011

FOLGA NO ENSINO

Vergara na viñeta do xornal Público.
Non sei se me contou a administración nos datos que deu hoxe da folga, pero estou segura que si me vai contar para o desconto do día, por certo descóntanme un día de traballo non polas horas de clase que tiña senón facendo o computo sobre as 37,5. Para descontar si que entende a administración que traballo 37,5. Para facer propaganda contra o profesorado contan mentiras varias, como esa de que traballamos 18 horas semanais. 

20 sept 2011

O noso centro



O curso pasado 5 alumn@s de 1º de ESO C fixeron este estudio estatístico sobre o noso centro, este traballo obtivo unha mención  no I Concurso de Incubadora de Sondaxes de SGAPEIO. Aqui podedes ver o estudio completo.
Mandoume unha foto Gonzalo Temperán da recollida do premio en Santiago. Por certo, Gonzalo e as súas alumnas gañaron a fase estatal deste concurso en Barcelona, co traballo: Podemos predecir a estatura á que pode chegar unha persoa?. Podedes ver  aquí o álbum de fotos do acto de entrega de premios.
Sirva este traballo para dar a benvida aos novos alumnos e alumnas deste curso.
Lucia, Laura, Vicente, Iñaki, Guillermo e Conchi recollendo o premio