2 mar 2012

Sen perdón para Turing

Foto de Sascha Brossmann Turing Tables Museo de las Ciencias Principe Felipe
Turing foi acusado de grave indecencia en 1952 e foi condenado. Tivo que elixir entre ir ao cárcere ou someterse a un tratamento químico de castración. Optou polo tratamento, con graves consecuencias  para a súa saúde e para o seu corpo. Rematou suicidándose en 1954 aos 42 anos.
O delito que o levou a este tráxico final foi ser e recoñecer a súa homosexualidade.
En 2009, tras unha campaña en internet, o primeiro ministro británico desculpouse publicamente polo trato dado a Turing.
Este ano celébrase o centenario do nacemento de Turing, o mundo científico recoñecerá sen dúbida, nas diferentes homenaxes, o que o mundo actual lle debe a este home, pai da computación, matemático e científico que serviu a Europa na súa guerra contra o nazismo.
Neste contexto, houbo unha nova petición ao goberno británico solicitando o indulto a Turing. Pois non, non hai tal indulto, hai un mes o parlamento británico dixo que non procede o indulto, xa que daquela a homosexualidade era delito e Turing non cumpriu a lei. Evidentemente esa era a lei, a lei equivocada, a lei inxusta, a lei feita por un parlamento hipócrita e retrogrado. A responsabilidade de ter feito dita lei é dos políticos daquel momento, moitos deles non poden pedir perdón, pero si procede que a institución, o parlamento actual, recoñeza toda esa inxusticia legal indultando aos condenados por aquela lei. Non facelo é impresentable. Unha vez máis, atopamos unha lea de desculpas que ocultan tras de si que hai un sector social e político que non admite o dereito a ser homosexual, as veces din que si forzados polo "politicamente correcto"  pero no fondo nunca admitirán ese dereito á liberdade  sexual da persoa. Esa é a súa opcíón, non admitir dereitos básicos das persoas, pero que non busquen desculpas, non perdonan a Turing porque siguen considerando "pecado" ou "indecente" a homosexualidade e punto pelota.
Noticia no xornal Público 
PD: esta entrada fixenna coa axuda de JJ, profe de mates e blogueiro que fai que a rede sexa este estupendo espazo no que compartir é a opción,  e que sabe o que me gusta Turing,  grazas

27 feb 2012

Sucesión con glamour


Sucesión con glamour é o título que lle puxo  José María Sorando a esta fermosa sucesión. Moi difícil de atopar o termo xeral.  Deixo un día ou dous de prazo para atopalo e despois porei o enlace a un dos blogs de aula de José María Sorando, onde está a resposta. Solución

23 feb 2012

Hotel de Hilbert

O hotel de Hilbert ten infinito número de cuartos, numerados 1,2,3,4,... O hotel está cheo, todos os cuartos están ocupados. Chega un novo hóspede. Terá sitio no hotel?
Como o hotel ten un número infinito de cuartos, o xerente do hotel pide a todos os hóspedes que se muden para o número seguinte de cuarto: o hóspede do cuarto número n múdase para o cuarto número n+1. Así, o novo hóspede cabe no cuarto 1. Todos os que estaban no hotel continúan hospedados.  Ou sexa, a pesar do hotel estar cheo, cabe sempre un mais.
Agora supoñamos que no día seguinte chega un número infinito de hóspedes. O xerente pide a todos os hóspedes que se muden para o cuarto que teña o dobre do número do seu: o hóspede do cuarto n múdase para o cuarto 2n. Ou sexa, pasa a haber un número infinito de cuartos (os números ímpares) libres para os novos hóspedes. Todos os que estaban no hotel continúan hospedados. E os novos hóspedes tamén están agora hospedados. A pesar do hotel estar cheo, puidemos hospedar infinitos hóspedes a maiores.
Aínda co hotel cheo poderiamos hospedar a infinitos grupos de infinitos hóspedes. Podes velo neste vídeo.
Tamén sobre o infinito trata este capítulo do  programa tres14 de RTVE.

10 feb 2012

Estructuras hiperboloides

 Torre de televisión de Cantón en Guangzhou
Torre Shukhov, Rusia
Nestas fotos podes ver a primeira e a última torres hiperboloides construidas no mundo. A primeira realizouna en 1896 o inxeneiro e arquitecto ruso Vladimir Shukhov.  A última é a torre cantón rematada en 2010 en  China.
En España utilizou esta estructura Antonio Gaudí, un dos maís grandes arquitectos do mundo.

Cónicas

Pinchando na foto podes acceder a un estudio completo da elipse, hipérbole e parábola a través da interesante presentación Flash realizada por José Antonio Cuadrado Vicente e publicada na web do ITE.

3 feb 2012

Concurso de monólogos matemáticos

O IES Monelos e o boletín de divulgación matemática TETRACTIS, convocan o V certame de matmonólogos.
Esta iniciativa tan orixinal xa vai pola quinta edición. Os participantes presentarán un guión cunha extensión máxima de mil palabras en lingua galega ou castelá. O tema deberá estar relacionado coas matemáticas. Deberán presentarse en formato DINA4, por unha cara, a dobre espazo, con corpo de letra de 12 puntos e encabezados polo título.
O prazo de entrega dos relatos comeza o 1 de febreiro e remata o 2 de maio 2012, ambos inclusive.
Podedes ler no blog TETRACTIS as bases completas do concurso e os relatos premiados en edicións anteriores e veredes que é un tema moi aberto o dos monólogos matemáticos. Animádevos a participar!.
Un dos monólogos matemáticos máis coñecidos pola rede é este do romance da derivada e o arcotanxente. O vocabulario que usa é de contidos de Bacharelato.

31 ene 2012

Anamorfose

A anamorfose é unha técnica de distorsión que usando a perspectiva produce unha ilusión óptica ou unha deformación da imaxe, imaxe que pode ser reconstruida co uso dun espello, dun cilindro ou escollendo un punto de vista axeitado. O primeiro en usar esta técnica foi Leonardo da Vinci. Nos séculos XVI e XVII chegou a estudiarse nos manuais de debuxo. Na actualidade úsana moitos artistas no Street Art en 3D.
anamorfose cilíndrica de Istvan Orostz
Anamorfose de Julian Beever
Anamorfose de Julian Beever
Neste vídeo podedes ver como se realiza.


24 ene 2012

Xeometría analítica

No tema que estamos dando en 1º de Bacharelato andamos entre rectas, parábolas, circunferencias, hipérboles e elipses coas súas respectivas ecuacións, unha unión perfecta entre álxebra e xeometría que nos permite resolver un mundo de problemas reais. Xeometría analítica é o nome que recibe esta parte da matemáticas.

A xeometría analítica no espacio ponlle ecuación a estas fermosas figuras xeométricas tan cotidianas.
Torus
(x2+y2+z2+R2-r2)2 = R2(x2+y2

 
Calyx
x2+y2z3 = z4

Diabolo
x2 = (y 2+ z2)2
Twilight
(z3-2)2 +(x2+y2-3)3 =0
As fotos son desta páxina, onde podedes ver moitas máis figuras co seu nome a as súas ecuacións.

12 ene 2012

Quentando motores para o entroido


A próxima semana imos ter unha reunión de delegad@s e subdelegad@s de curso para preparar o entroido. Como nos últimos cursos, esperamos a vosa participación tanto no desfile como na organización. Necesitamos presentadores, DJs, alguén que grave as actuacións, alguén que faga o power point, xurado e , sobre todo, necesitamos xente con marcha e atrevemento, nada que non teñamos dabondo neste centro, :)
Déixovos dous vídeos lembrando as excelentes actuacións e disfraces do entroido de 2011.

10 ene 2012

2012, centenario do nacemento de Alan Turing



Este interesante documental "Dangerous Knowledge" da BBC, cóntanos a dramática vida de catro matemáticos: George Cantor, Ludwig Boltzmann, Kurt Gödel e Alan Turing. Todos eles con finais bastante tráxicos.
O documental dura 80 minutos, para os que nos gustan as mates non se fai longo, hai partes no documental que trata temas da matemática superior: completitude, hipótese do continuo,...que se escapan do nivel do ensino secundario, pero aínda así ten interese para calquer alumno/a de bacharelato que guste desta materia pois moitos conceptos anque non se entendan pódense intuír.
De Alan Turing xa temos falado neste blog, gustoume moito neste documental  (sobre o minuto 20 da segunda parte) como trata a Turing, a grande divagación sobre o home, a máquina, a hipocrisía, ... O documental é de 2007, fíxose antes de que o goberno británico pedira perdón polo xuízo e sentenza que condenou a Turing por ser homosexual..
Este ano celébrase o centenario do nacemento de Alan Turing, faremos pois un seguimento das moitas actividades que haberá entorno a este matemático tan interesante.

Nesta primeira entrada do ano, desexarvos que teñades un estupendo 2012 e en homenaxe a Turing desexar tamén que o mundo sexa menos hipócrita.

22 dic 2011

Felices festas


Este vídeo, fragmentos da actuación do Cuarteto Quiroga no Paraninfo do noso instituto, demostra que estamos rodeados de beleza, a da música e a da arquitectura únense nos concertos Sen batuta. Con estas imaxes e son, quero desexarvos felices festas.