31 ene 2012

Anamorfose

A anamorfose é unha técnica de distorsión que usando a perspectiva produce unha ilusión óptica ou unha deformación da imaxe, imaxe que pode ser reconstruida co uso dun espello, dun cilindro ou escollendo un punto de vista axeitado. O primeiro en usar esta técnica foi Leonardo da Vinci. Nos séculos XVI e XVII chegou a estudiarse nos manuais de debuxo. Na actualidade úsana moitos artistas no Street Art en 3D.
anamorfose cilíndrica de Istvan Orostz
Anamorfose de Julian Beever
Anamorfose de Julian Beever
Neste vídeo podedes ver como se realiza.


24 ene 2012

Xeometría analítica

No tema que estamos dando en 1º de Bacharelato andamos entre rectas, parábolas, circunferencias, hipérboles e elipses coas súas respectivas ecuacións, unha unión perfecta entre álxebra e xeometría que nos permite resolver un mundo de problemas reais. Xeometría analítica é o nome que recibe esta parte da matemáticas.

A xeometría analítica no espacio ponlle ecuación a estas fermosas figuras xeométricas tan cotidianas.
Torus
(x2+y2+z2+R2-r2)2 = R2(x2+y2

 
Calyx
x2+y2z3 = z4

Diabolo
x2 = (y 2+ z2)2
Twilight
(z3-2)2 +(x2+y2-3)3 =0
As fotos son desta páxina, onde podedes ver moitas máis figuras co seu nome a as súas ecuacións.

12 ene 2012

Quentando motores para o entroido


A próxima semana imos ter unha reunión de delegad@s e subdelegad@s de curso para preparar o entroido. Como nos últimos cursos, esperamos a vosa participación tanto no desfile como na organización. Necesitamos presentadores, DJs, alguén que grave as actuacións, alguén que faga o power point, xurado e , sobre todo, necesitamos xente con marcha e atrevemento, nada que non teñamos dabondo neste centro, :)
Déixovos dous vídeos lembrando as excelentes actuacións e disfraces do entroido de 2011.

10 ene 2012

2012, centenario do nacemento de Alan Turing



Este interesante documental "Dangerous Knowledge" da BBC, cóntanos a dramática vida de catro matemáticos: George Cantor, Ludwig Boltzmann, Kurt Gödel e Alan Turing. Todos eles con finais bastante tráxicos.
O documental dura 80 minutos, para os que nos gustan as mates non se fai longo, hai partes no documental que trata temas da matemática superior: completitude, hipótese do continuo,...que se escapan do nivel do ensino secundario, pero aínda así ten interese para calquer alumno/a de bacharelato que guste desta materia pois moitos conceptos anque non se entendan pódense intuír.
De Alan Turing xa temos falado neste blog, gustoume moito neste documental  (sobre o minuto 20 da segunda parte) como trata a Turing, a grande divagación sobre o home, a máquina, a hipocrisía, ... O documental é de 2007, fíxose antes de que o goberno británico pedira perdón polo xuízo e sentenza que condenou a Turing por ser homosexual..
Este ano celébrase o centenario do nacemento de Alan Turing, faremos pois un seguimento das moitas actividades que haberá entorno a este matemático tan interesante.

Nesta primeira entrada do ano, desexarvos que teñades un estupendo 2012 e en homenaxe a Turing desexar tamén que o mundo sexa menos hipócrita.

22 dic 2011

Felices festas


Este vídeo, fragmentos da actuación do Cuarteto Quiroga no Paraninfo do noso instituto, demostra que estamos rodeados de beleza, a da música e a da arquitectura únense nos concertos Sen batuta. Con estas imaxes e son, quero desexarvos felices festas.

19 dic 2011

Banda de Moebius

foto de Madeleine Shepherd
A banda de Moebius é unha figura matemática ben peculiar, ten unha única cara e un único borde. Úsase ás veces en números de maxia pois ten propiedades sorprendentes. Se constrúes unha banda de Moebius e a cortas lonxitudinalmente pola metade, que obtés? e se a divides lonxitudinalmente en tres partes iguais?  solucións.
A banda de Moebius tense usado na escultura, en logotipos, en correas transportadoras, pero nestas xeadas a aplicación máis práctica pode ser unha boa bufanda.
Se queres saber máis sobre esta banda, podes consultar este documento de Marta Macho, profesora de matemáticas na universidade do país vasco.

14 dic 2011

Móvese, ou non

Barómetro real


Chiste de Davila
Fonte: CIS
No xornais de hoxe aparece unha valoración feita pola casa real sobre como fai as enquisas o CIS. No xornal Público redáctana así:  "Desde la Casa Real también se ha aludido a la última encuesta del CIS, en la que se detecta una caída en la valoración de la institución. En este sentido, desde Zarzuela lo atribuyen a causas propias y a la forma en las que el CIS realiza las encuestas"
Sorprendente a valoración que fai a Casa Real poñendo en dúbida a obxectividade ou profesionalidade dun organismo oficial, dependente do ministerio de presidencia, como é o CIS (Centro Investigacións Sociolóxicas).
O barómetro do CIS é un estudio estatístico realizado mensualmente para pulsar o estado de opinión dos cidadáns. Nos diferentes barómetros hai preguntas fixas e outras que mudan, periodicamente repítense diversas preguntas, unha das que se repite é a de valoración das institucións por parte dos cidadáns. As dúbidas da casa real sobre como realiza o CIS o estudio pode deberse á metodoloxía que usa ou a forma de realizar á pregunta. A metodoloxía que usa o CIS vese na ficha técnica  e eu desde logo non vou poñela en cuestión. A pregunta concreta sobre a casa real é impecable, mándase puntuar a institución de 0 a 10 e calcúlase a media a a desviación típica. Esta pregunta formúlase  sempre da mesma maneira.
Fonte CIS
A estatística non é neutral, de feito é unha ciencia utilizada moi a miúdo polo poder político, polo poder económico, pola publicidade ... para manipular ao cidadán, para crear opinión, para vender, ...pero neste caso concreto non vexo a manipulación por ningún lado nin os erros.  A casa  real debe buscar as causas da súa baixada de popularidade na conduta pouco exemplificante dos seus membros e debe prepararse para posteriores baixadas, pode que ademais de suspender chegue ao moi deficiente, pois esa é a nota que merece unha institución anácronica e de inexplicable existencia no século XXI.

30 nov 2011

Poeta da xeometría



Así definen na páxina oficial a Eusebio Sempere, pintor e escultor alacantino, que viviu entre 1923 e 1985. Representa un dos máis importantes artistas da  op-art (arte óptica) en España,  coa repetición de liñas, o uso da cor e uso de figuras xeométricas simples produce nas obras sensación de movemento, algo que temos visto nas ilusións ópticas. Foi pioneiro en usar o ordenador con fines artísticos, técnica que desarrollou no Centro de Cálculo de la Universidade de Madrid. E tamén, foi un dos impulsores do Museo de esculturas ao aire libre da castellana de Madrid.
O que me impresiona de Sempere é  a forma que ten de describir as paisaxes, as estacións, a cidade, .... aí é onde eu lle vexo a poesía, como nestas dúas obras "Otoño" e "Primavera". A xeometría véxoa en todas as súas obras.

29 nov 2011

Non hai física sen matemáticas



Á última seguidora deste blog gústalle o cine, seguro que lle gusta esta estupenda escena da película "Un tipo serio" dos irmáns Coen, que vin no blog matemáticas de cine.

26 nov 2011

Xeometría, Arte e Natureza

Precioso vídeo realizado no IES María Soliño de Cangas, entre os autores está Trini, excelente profesora que algúns alumnos e alumnas deste centro lembraredes.