1 dic 2010

1.000.000 ou 1 000 000?

 A dúbida hai que resolvela coa lei, neste caso a lei de medidas, a última promulgada en España é un Real Decreto de Decembro de 2009, nela dín cousas ben interesantes, fago un resumo:

Os símbolos das unidades son entidades matemáticas e non abreviaturas. Polo tanto, non van seguidos dun punto. Non se escribe km., escríbese km, sen punto.

Non se permite empregar abreviaturas para os símbolos e nomes das unidades, como seg (por s ou segundo), mm cad. (por mm2 ou milímetro cadrado), cc (por cm3 ou centímetro cúbico).
O valor dunha magnitude exprésase como o produto dun número por unha unidade.
O valor numérico precede sempre a unidade e sempre se deixa un espazo entre o número e a unidade, por exemplo 20 m. As únicas excepcións a esta regra son os símbolos de unidade do grao, o minuto e o segundo de ángulo plano, °, ′ e ″, respectivamente, para os cales non se deixa espazo entre o valor numérico e o símbolo de unidade, por exemplo 20º.

O símbolo utilizado para separar a parte enteira da súa parte decimal denomínase «separador decimal». O símbolo do separador decimal é a coma, na propia liña de escritura. Se o número está comprendido entre +1 e −1, o separador decimal vai sempre precedido dun cero. Por exemplo 3,34.

Os números con moitas cifras pódense repartir en grupos de tres cifras separadas por un espazo, co fin de facilitar a lectura. Estes grupos non se separan nunca por puntos nin por comas. Por exemplo 1 000 000
Os símbolos dos prefixos escríbense en caracteres romanos (rectos), como os símbolos das unidades, independentemente do tipo de letra do texto adxacente, e únense aos símbolos das unidades sen deixar espazo entre o símbolo do prefixo e o da unidade. Con excepción de da (deca), h (hecto) e k (quilo), todos os símbolos de prefixos de múltiplos se escriben con maiúsculas e todos os símbolos de prefixos de submúltiplos se escriben con minúsculas.
Os nomes dos prefixos son inseparables dos nomes das unidades ás cales se unen. Así, por exemplo, milímetro, micropascal e meganewton escríbense nunha soa palabra. Os símbolos de prefixos compostos, é dicir, os símbolos de prefixos formados por xuxtaposición de dous ou máis símbolos de prefixos, non están permitidos.
 Agora, xa sabedes, a cumprir a lei, :).

4 comentarios:

Mª Isabel Limia Pérez (IES Otero Pedrayo, Ourense) dijo...

Moi interesante profesora, pero unha cousa, estas normas aplícanse no caso dos textos oficiais ou tamén os temos que empregar na clase ou nos exames de matemáticas, química, selectivo...?
Isabel

conchi dijo...

A verdade Isabel, é que a lei de medida non é coñecida nin sequera polo profesorado, polo que é moi difícil que sexa esixida de forma estrita nas aulas e na selectividade. Sen ir máis lonxe, a maioría do profesorado de matemáticas escribe mal un millón con cifras, :).
Sempre as leis de medida teñen unha difícil implantación social, por poñer un exemplo durante máis de 200 anos desobedeceuse a obriga por lei de usar o sistema métrico decimal en España.
Está ben que se aclaren confusións sobre a medida e que exista unha ortografía dos símbolos matemáticos, pero teremos que convivir coas "faltas de ortografía", pois é moi difícil que a lei se cumpra polo descoñecemento que hai dela. Outra cousa é que efectivamente é de obrigado cumprimento nas aulas e foras delas, é lei, non admite disidencias.
Un saúdo

Mª Isabel Limia Pérez (IES Otero Pedrayo, Ourense) dijo...

Grazas por responder!! Pero entón estas leis habería que aplicalas a niver europeo e mundial,(aínda que non sexa estrictamente necesario) non? Ou nos outros países xa se cumple? Isabel

conchi dijo...

Esta última lei que se fixo en España foi para adaptar a nosa lei a normativa Europea sobre medida e estas directivas, a súa vez son para seguir as indicacións da BIPM, Bureau International des Poids et Mesures, que é o organismo mundial responsable de digamos a unificación mundial de medidas e do mantemento actualizado do SI (sistema internacional de medidas), de feito o de non poñer punto na cantidade de un millón é unha indicación deste organismo BIPM do ano 2003.
Por suposto sigue habendo medidas e criterios non universais, por exemplo toda a medida tradicional, o ferrado entre elas, :), pero téndese a que as unidades de medida e as súas ortografías sexan universais, lembrade que Unión Europea pediulle ao Reino Unido que deixen de usar as medidas anglosaxonas: millas, onzas etc, pero unha cousa é a lei e outra que os ingleses deixen de pensar e falar en millas, os cambios en temas de medidas son moi dificiles, é como os cambios de moeda, despois de 10 anos aínda traducimos a pesetas, porque a cabeza tarda e asimilar os mesmos números con diferentes significados.

E grazas a ti por preguntar Isa, un pracer contestarche, un blog ten sentido se a xente o le e participa.