16 oct 2012

Reformas educativas



Cando rematei a carreira e fixen o CAP (curso de aptitude pedagóxica) contáronnos que unha reforma educativa debería ter unha vixencia media de 20 anos. Levo 24 anos traballando e convivín con 5 leis educativas diferentes e imos  pola sexta, a cousa resumida foi máis ou menos así:
ano 1988, cando empecei a traballar estaba vixente a LEI XERAL DE EDUCACIÓN do ano 1970 e a LODE do ano 1985.
A LODE no ano 1985 (PSOE) é a que decidiu que se poden dar cartos públicos para o ensino privado, concepto no que os dous grandes partidos están totalmente de acordo.
A LOGSE no ano 1990 (PSOE) foi unha reforma que merece tal nome, reformouse a estructura total do sistema educativo, desaparece BUP e EGB, o ensino pasou a ser obrigatorio ata os 16 anos, os rapaces entraron 2 anos antes aos institutos, etc, reforma total da FP, aparecen os ciclos medios e superiores, mantense a relixión na escola.
O profesorado de secundaria tivemos que aprender a traballar con alumnos con grandes dificultades de aprendizaxe que antes non chegaban aos institutos e con alumnos que non querían estar na escola pero que a lei de repente os obrigaba a estar ata os 16 anos, os institutos enchéronse de nenos, nunca tal se vira!.
A LOPEG, no ano 1995 ( PSOE) remata definitivamente coa xestión democrática dos centros, o profesorado perdemos poder interno nos centros, xa non podiamos ser todos candidatos a dirixir un centro, aparecen novas funcións do profesorado.
A LOCE no ano 2002 (PP) foi unha reforma que nunca chegou a aplicarse, mantense a relixión na escola e se non queres relixión, cultura relixiosa, toma esa!, aparecen as avaliacións externas na ESO, propuña unha reválida para ter o título de bacharelato que non chegou a aplicarse.
A LOE no ano 2006 (PSOE) foi a reforma da reforma anterior, nela o PSOE comete o gran pecado de chamarlle Educación para a cidadanía ao que cando se lle chamaba ética non creaba ningún problema, pero xa o PP se encargará de mudar tan vil nome, tamén muda a cultura relixiosa por atención educativa, pero mantén a relixión na escola, mantén tamén as avaliacións externas, elimina a reválida aquela que non chegara a aplicarse,:)
Hoxe, no 2012, hai outro anteproxecto de reforma encima da mesa a LOMCE (PP) para reformar a LOE que reformou a LOCE, o PP vaille chamar Educación cívica y constitucional a aquela materia innomeable, supoño que ao PSOE non lle gustará nada este nome.:)
Xa está ben de usar o sistema educativo como unha arma dos partidos políticos para parecer que queren cousas diferentes. Por suposto que hai matices importantes que os diferencian, pero tamén hai diferencias ridículas entre as propostas de ambos partidos, e non pode estar o debate nelas, o debate ten que estar no importante. Debatamos o porque pechamos centros públicos e seguimos mantendo a centros privados, quen queira mandar os fillos á privada está no seu dereito pero que pague, non teñen porque usar unha parte dos meus impostos para financiar o ensino privado, e menos cando temos á prima ameazando,L
Feita esta reflexión histórica e centrándonos no novo proxecto, hai modificacións significativas que debemos coñecer:
Na ESO adiantase a diversificación un ano, pódese acceder en 2º de ESO; en 4º de ESO fanse coma 3 itinerarios. Ao rematar 4º de ESO para ter o título hai que facer unha proba externa (reválida)
No bacharelato, 3 modalidades, aparecen itinerarios, desaparece CMC como materia común, desaparecen moitas optativas que hai hoxe (métodos estatísticos, Música, antropoloxía), hai materias que hoxe son de modalidade como grego, Cultura audiovisual, economía, ciencias da terra,  que pasan a ser optativas; suprímense Tecnoloxía Industrial I e II e Electrotecnia. Ao rematar o bacharelato haberá unha proba externa para obter o título (reválida)
Aumenta o poder dos directores dos centros posto que en determinados casos poderán establecer requisitos ao profesorado para traballar no centro.
Non me gusta nada isto dos directores e non me gusta que quiten algunhas materias, non me gustan as reválidas, pero o que menos me gusta é que a relixión siga tendo horas e a música ou a eletrotecnía llas quiten, que no ensino público se nos regatee cada profesor e se lle estea pagando o ensino aos colexios privados.

7 comentarios:

JJ dijo...

Estou moi de acordo coa túa achega, Conchi, tanto no referido á eliminación/redistribución das materias como no referido aos directores/comisarios. Querería salientar tamén que ademais de eliminar a diversificación que representan as optativas e as materias "menos académicas" (enténdaseme ben), pretenden adiantar as opcións en Matemáticas a 3º de E.S.O., gustaríame a min saber como vai quedar o curriculum das Matemáticas dirixidas ás ensinanzas "técnicas"
E por certo, benvida de novo, que aínda non tivera a oportunidade :)

Marga Alfonso dijo...

Excelente análise, Axi!
Tampouco vexo ningunha medida para combatir dende a primaria o galopante fracaso escolar.

conchi dijo...

Ola JJ, sobre as mates non mirei a fondo pero ata vou poñer en dúbida que haxa que ter máis horas e por suposto habería que falar de que mates hai que dar e con que instrumentos, pero iso non toca, as mates son boas todas, porque si, xa está. Eu esa hora a maiores que lle poran as mates a poría a un plan falador, que non saben falar!!
Marga, está claro que hai nenos con tal desfase académico que só se resolve con atención case individualizada e imos noutro sentido, e ademais as reválidas van aumentar o fracaso, pois a presión nas aulas vai ser maior, o que non siga o ritmo quedará atrás, pois os profes quereremos preparalos para as reválidas.
As reválidas habería que botalas abaixo coma sexa, creo que os estudantes teñen aí un motivo grande de protesta e nós tamén polo que supón de deterioro do noso traballo.
Un placer que me visitedes e falar con vós!!!!!! grazas

Fer dijo...

Conchita, esta vez chegáchesme a alma en serio :) encantoume a reflexión en serio, moitas grazas por facelo. Son Fernando( de 2ºA)

conchi dijo...

Fer, grazas a ti!
Onte no feisbú de Marga atopei outra reflexión interesante sobre isto que traemos entre mans, aqui vos deixo o enlace http://www.otraspoliticas.com/educacion/entre-la-mediocridad-y-la-excelencia
saúdos

Fer dijo...

vale Conchita, manhán que xa está feito o exame miro o enlace con calma que agora ando de descanso eaproveitei para mirar os comentarios pero vaia, ten pinta de interesante :)

Fer dijo...

mirado, non deben facer unha educación dese xeito, case ninguén poderá estudar e non só xa polos cartos, moitas grazas Conchita, sempre vén ben estar informado ^^