31 may 2011

Gran puntuación no Canguro Matemático


Dous alumnos do noso Instituto obtiveron unha magnífica clasificación no Canguro Matemático.
Miguel, de 1º ESO B, obtén o posto 15 entre 2712 participantes de todo España, Miguel tivo 109,5 puntos, foi a mellor puntuación do noso centro, a mellor puntuación dos participantes de Ourense de 1º de ESO e a 2ª dos participantes galegos de 1º de ESO.
Angelo,  de 1º ESO C, obtén o posto 37 entre 2712 participantes de todo España, Angelo tivo 102 puntos, a segunda mellor puntuación do noso centro.
Miguel e Angelo recibirán como premio un libro e un cheque-regalo  do Corte Inglés.
A terceira puntuación no noso centro foi para Florina de 1º ESO B.
Os meus parabéns a todos eles e aos demais participantes neste concurso tan divertido e difícil.

26 may 2011

Sen tempo

Corrixindo, avaliando, decidindo, preparando materiais,..., así ando, sen tempo para o blog.
Deixo estas ilusións ópticas basadas nos movementos dos péndulos, preciosas coma case todas as deste canal de youtube.

6 may 2011

Reparto electoral, reparto proporcional?

Hoxe empeza a campaña electoral, aquí na cidade temos que elixir 27 Concelleiros e Concelleiras, o reparto destes está relacionado co número de votos que obteña cada partido que se presenta, pero como se fai este reparto? é un reparto proporcional directo? ao dobre de votos corresponde dobre número de Concelleiros? pois non, non é un reparto proporcional aunque leve ese nome, nesta presentación explico como se fai o reparto de Concelleiros cos datos das últimas eleccións municipais de Ourense, as de hai 4 anos.
 
Nesta animación do xornal EL MUNDO, podedes ver un exemplo no que, aplicando a regra D' Hont, con menos do dobre de votos obtense o triplo de escanos. Chamar chámase proporcional pero as contas non saen, :)

2 may 2011

12 000 000 de visitas nun canal de mate en Youtube

É Valenciano e chámase Juan Medina Molina, o seu canal en Youtube, juanmemol, ocupa a posición 18 entre os máis subscritos de Youtube en España en todas as categorías, tivo 12000000 de visitas, ten máis subscricións e visualizacións que a suma do resto dos canais das Universidades españolas. Así nolo contan no Noticieiro Matemático.
Como pode chegar un canal de matemáticas a estas cifras? As matemáticas son fáciles, se se entenden e se traballan despois de entendelas,  pero son imposibles e inabarcables cando non se entenden. Cando unha persoa non deu coa comprensión dos conceptos, as regras dos signos, os mcm, as parénteses, o poder quitar denominadores ou non, o poder elevar ao cadrado ou non, a existencia ou non dunha raíz, as operacións,  se é  logaritmo de seno ou o seno do logaritmo...., todo isto pode parecer un conxunto infinito de regras imposibles de rexistrar na cabeza e non confundilas en calquera momento, imposibles de lembrar. As  formas de chegar a esas matemáticas fáciles son varias: ter unha gran capacidade para a materia, traballar de forma autodidacta ata entender,.. ou ter bos profesores/as, precisamos de explicacións claras e non sempre os profesores/as sabemos explicar baixando ao nivel no que está o alumnado, tanto en vocabulario matemático como en notación  matemática ou en formación de conceptos como no nivel de madurez deses conceptos.
Aí aparece este canal, este profesor Juan Medina, do Departamento de Matemática Aplicada e Estatística da Universidade Politécnica de Cartaxena, explica as matemáticas moi ben, é moi claro, vai paso a paso, usa unha linguaxe sinxela,  e convértese así nunha axuda imprescindible para todo o alumnado que ten dificultade coa materia ou que perdeu unha clase ou unha explicación. Ademais ten unha colección de máis de 2000 vídeos que abarca practicamente toda a ESO e o Bacharelato. Un recurso imprescindible na rede e que moito profesorado usamos nos nosos blogs. No seu canal podedes ler o agradecemento do alumnado ao que axuda, aqui o meu tamén por darnos este recurso.

15 abr 2011

Vacacións, :)

Despois dun longo trimestre de máis de 3 meses, o calendario escolar márcao a igrexa e non o sistema métrico, chegan as merecidas vacacións. Que o pasedes moi ben e que veñades con moita forza para o curtísimo trimestre final de menos de dous meses. Que lea de unidades de tempo escolar!.
Aquí vos deixo 3 cancións dedicadas a Pitágoras, dúas versións moi similares do pop-rock español dos anos 60 e unha preciosa canción brasileira con ritmo reggae.

11 abr 2011

Circunferencias musicais

Pulsa dentro e coas circunferencias que aparecen irás compoñendo unha melodía, para borrar dálle a barra espaciadora. Atopeino no blog sembeo

6 abr 2011

Alan Turing ou cando o mundo é homófobo


Neste vídeo podedes ver unha preciosa divagación matemática nun anaco dunha serie británica sobre a vida de Alan Turing (1912-1954), grande matemático que traballou no campo da lóxica e no nacemento da informática e da intelixencia artificial. Na segunda guerra mundial traballou descifrando mensaxes militares dos nazis, en particular os códigos da máquina Enigma. Para obter máquinas descifradoras construíu a primeira computadora electrónica, chamada Colossus en 1943. Polo seu traballo no Colossus, Turing recibiu a Orde do Imperio Británico en 1946. En 1951 é nomeado membro da Sociedade Real de Londres polas súas contribucións científicas.
Turing foi procesado e condenado por ser homosexual e condenárono a un tratamento hormonal como alternativa á cárcere. Morreu con 42 anos, debido a un aparente suicidio comendo unha mazá con cianuro.
En Setembro de 2009, despois dunha campaña de internet, o primeiro ministro británico Gordon Brown fixo unha petición oficial de desculpas públicas.
Máis vale tarde que nunca, pero hai cousas para as que non chegan as desculpas, hai cousas que só se poden perdoar se nunca máis volven ocorrer.
Se queredes escoitar a petición de desculpas e saber mais sobre a súa vida déixovos este audio de Javier Peláez na Aldea irreductible


3 abr 2011

Números na música


Tote King facía esta canción no seu segundo disco no ano 2002.
Un pouco do estribillo por se vos apetece canturreala:

"Matemáticas, Teórica Y práctica, Amor, Arte Y líricas galácticas, 
Cuenta desde el diez hasta el uno, 
No creo en dios avísame si ves alguno"

2 abr 2011

Números na pintura


Xa teño posto aquí varios audios de Raúl Ibáñez, profesor da Universidade do País Vasco, que ten un programa semanal Graffiti en Radio Euskadi sobre matemáticas, con el descubrín estes pintores, que agora comparto con todos vos, nun programa sobre números na pintura.
Un pracer para os sentidos esta arte con números, deixo tamén o audio do programa por se queredes saber máis.

24 mar 2011

ás veces .. os xoves...



Para Manuela, Gloria, Pumares, Daniel, Iago.. e todos eses alumnos e alumnas que están tan atentos  e concentrados na aula que ata poden levantar a man para dicir "profe, creo que ese 4 vai mal, debe ser un 2", atopei hoxe este vídeo nun blog doutro profe que tamén "ten días", así que aqui volo poño, para facer unhas risas.
Sorte a todos e todas e que operedes ben no exame de mañá.

23 mar 2011

Probas diagnóstico

datos respostas proba A de matemáticas


Os días  11 e 12 de Maio vanse  realizar de novo as probas para a avaliación de diagnóstico.
Este curso avaliaranse as competencias lingüística, matemática e de coñecemento e interacción co mundo físico.
Vou lembrar a anterior e única proba que se fixo en Galicia hai 2 anos para avaliar a competencia matemática en 2º de ESO.
A dificultade xeral da proba de matemáticas pódese ver nos informes de resultados, dos que extraio as táboas adxuntas onde código 0 é a porcentaxe de alumnado de todo Galicia que respondeu mal á pregunta. Escandalosos os resultados, hai preguntas cun 70% de alumnado que non a sabe responder correctamente, a maioría das preguntas son respondidas incorrectamente por máis da metade do alumnado de Galicia. Non traballamos as matemáticas nas aulas? ou traballámolas mal? ou a proba era un despropósito? eu inclínome pola terceira opción.
A proba deseñada (opción A, opción B) para avaliar a competencia matemática constaba de 21 exercicios  tipo test a realizar en 60 minutos sen calculadora. Menos de 3 minutos para cada cuestión, para ler, decidir o procedemento axeitado, buscar datos, operar e responder, e moverse (que o alumnado de 12 e 13 anos móvese), pouco, moi pouco tempo.
Un exame tipo test parece un pouco raro para diagnosticar a competencia matemática onde as resolucións gráficas e os procesos de razoamento teñen tanta importancia. Nesta proba só se valorou se o resultado é correcto, sen ningún tipo de matiz ou referencia ao procedemento seguido. Toda a proba de matemáticas baseouse principalmente na resolución de problemas, sobre todo de problemas de proporcións. Considero a resolución de problemas importantísima dentro das matemáticas, pero tamén é necesario ensinar ao alumnado a operar, a traballar as expresións alxébricas, a resolver ecuacións, a operar fraccións, a desenvolver a xeometría etc. pois doutra maneira faltaríanlle ferramentas imprescindibles para poder resolver desigualdades, trigonometría, problemas de optimización etc.  A resolución de problemas é só unha parte do curriculum de matemáticas. Aínda así entendo que a resolución de problemas é un mundo amplio e diverso e polo tanto se podían tocar desde ela moitos temas que entran no curriculum. O peso  dos exercicios de proporcións nas probas é esaxerado frente a outros temas do curriculum. Ademais, se o obxectivo é a resolución de problemas reais, deberían deixar utilizar calculadora na proba como solicitou AGAPEMA (Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática). Tampouco me gustou nada o contexto masculino dos exercicios da opción B: fútbol, triatlón e  incendios. 
AGAPEMA na  valoración desta proba. pediu que se melloren as seguintes, pois iso, esperemos que na proba deste curso impere o sentidiño e midan o que queren medir con probas axeitadas ao nivel, ao curriculum e as competencias básicas e, por soposto, que deixen utilizar a calculadora, paréceme un desfase ter ordenadores na aula e non poder usar calculadora nunha proba deste tipo.

21 mar 2011

Concurso do xornal El País

Neste vídeo, Adolfo Quirós, profesor da Real Sociedad Matemática Española,  propón un problema matemático no xornal El País, se sabes a resposta podes mandala  antes das 00.00 do martes ao  correo problemamatematicas@elpais.es.
  Cada semana, ata completar as 30 que dura a promoción, proporanse novos desafíos. Entre os/as acertantes sortearase unha  colección completa de libros de matemáticas.
solución