25 may 2012

Pingüinos xeómetras

Estupenda colección de vídeos de xeometría básica, aquí unha alegre demostración de que os ángulos dun triángulo suman 180º.

Avaliando adolescentes

Alan Turing
Ao ler as seguintes notas venme moitas cousas á cabeza, a primeira é que é ben difícil ser adolescente e que tamén é difícil  avalialos; tamén parece que a escola non mudou tanto nos últimos 100 anos, pois o que dicían nalgún momento de Turing  dicímolo a miúdo nas avaliacións dos nosos alumnos; pero o que realmente me gusta é a evolución de Turing, a pesares dos seus gustos unidireccionais, da súa vagancia para as letras, da súa desorde, do que semella unha rebeldía na forma de estudar incluso o que lle gustaba, as mates e a física, a pesares de todos os contras rematou a secundaria, a universidade e por riba puxo ao servizo do mundo as computadoras. Moitos co seu perfil non o conseguen. 
Aqui vos deixo as avaliacións de Alan Turing na escola secundaria, ordenadas  entre os 14,5 anos e os 19 anos. Aconséllovos que leades os informes completos en inglés aqui, o que vos poño é un resumo feito por min da traducción da entrada dese blog que me fixo unha compañeira. Grazas Marga.

Francés: a súa falla de interese é moi deprimente agás cando algo lle divirte.
Inglés: sen ser vago, fai o traballo mecanicamente, gustariame ver máis vida nel.
Mate: non moi ben, pasa moito tempo en matemáticas avanzadas e descoida o seu traballo básico, un sólido traballo de base é esencial en calquera materia, o seu traballo é desordenado.
Informe de centro (15 anos): Sen dúbida é unha estraña mestura, empeza a casa polo tellado. Despois de acadar unha exención equivócase ao actuar, coma se a vagancia e a indiferencia fórano a librar das materias que non lle gustan.
Ciencias:  a súa intelixencia é boa, aprende á presa pero os seus métodos son deplorables, debe aprender a importancia da limpeza e a orde e a de expresarse ben nun exame.
Mate: creo que foi algo máis ordenado pero aínda hai marxe de mellora, un matemático entusiasta e capaz.
Inglés: creo que se esforza só para os exames.
Informe centro: é o tipo de rapaz que podería dar problemas en calquera escola ou comunidade por ser antisocial nalgúns sentidos, pero creo que na nosa comunidade ten  a oportunidade de desenrolar os seus particulares talentos e á vez de aprender algo sobre a arte de vivir, non tan antisocial coma antes, sen dúbida ten un sentido do humor que o salva.
Mate: probablemente o mellor matemático do grupo, o seu posto (3º da aula) é pola desorde e descoido debidos en gran parte a súa impaciencia por rematar cando descobre unha forma de  resolver o problema.
Informe de centro: pode que lle demos a oportunidade de acadar o titulo o próximo trimestre así que debe prepararse para renunciar algo ás mates e ciencias e traballar latín, francés e inglés, debe aprender que a parte de letras tamén importa. Ten tan boa cabeza como outros que pasaron por aquí e debería chegarlle para aprobar materias “inútiles” como latín, inglés e francés. A súa presentación é horrible e impide gozar  do pracer que serían os seus traballos, non entende o que os malos modais, a mala redacción e os números desordenados supoñen. 
Inglés: increible que alguén tan prometedor en mate sexa tan malo e inglés e latín. Detecto unha leve melloría.
Informe do centro: debería prestar atención a estos informes se quere triunfar. Debemos esperar aos resultados de setembro, pero sexan os que sexan, terá que aprender a facer ben os traballos rutinarios incluso nas "súas materias"
Mate: pasamos este trimestre o pasaremos os dous próximos tapando ocos no seu coñecemento e organizándoo, pensa rápido e é probable que sexa  brillante, case nunca se ve derrotado por un problema pero os seus métodos son desordenados, co tempo chegará o rigor e o lustre.
Informe centro: estou contento de que sexa sociable e faga amigos, parece xeneroso por natureza e é sen dúbida ambicioso.
Mate: un matemático realmente capaz, o seu problema é a desorde pero intentou mellorar, ás veces falla nun problema sinxelo ao tentar resolvelo de forma complicada en vez de facelo de forma sinxela.
Física: traballo excelente, solo espero que Cambridge teña tan boa opinión de el coma min.
Informa centro: moi bo trimestre, gaña respecto polo seu cerebro e personalidade. Bo trimestre, ten interese paternal pólo seus compañeiros de dormitorio e sen dúbida transmítelles o seu aprendizaxe e curiosidade, xogou ao fútbol realmente ben.
Mate: os meus mellores desexos para unha carreira triunfal en Cambridge.
Ultimo informe centro(19 anos): tivo unha interesante evolución, cunha variada experiencia que soubo culminar ben. Un rapaz dotado e distinguido cuxa futura carreira seguiremos con moito interese.
Podedes saber máis de Alan Turing escoitando a Raúl Ibañez no programa Graffiti de radio Euskadi 
 

18 may 2012

a profe

Así me viu Marinha cando tivo que facer unha caricatura da profe. Gustoume moito, quizais a use como avatar.

24 abr 2012

Fotomat

Se vos gustan as matemáticas e a fotografía, seguro que vos gusta o blog  Fotomat, onde ás fotos lle ven un sentido matemático, explicado no título ou subtitulo, precioso. Poño tres fotos do blog para que vos fagades unha idea, se vos interesa xa sabedes onde está.

Regateo infinito


Así rematou o último regateo entre este alumno e a profe, ou sexa, eu. Sempre lles pido aos meus alumnos  e alumnas que teñan o espazo de traballo, o pupitre, ordenado e só co material que imos precisar nesa clase. Esta norma tan básica é necesaria porque o alumnado de 1º de ESO organízase mal e cústalle centrarse.
En cada norma que poñemos na aula prodúcese un regateo, sempre cansino, pois o alumnado ou ben non quere seguir as normas por vagancia, (que máis te dá!!!) ou ben quere provocar á profe por pasar o tempo e ver se hai bronquilla. Agotador!!!, estes regateos son agotadores. As normas, os consellos nunha aula son para facilitar ao alumnado o éxito académico. Eu son das que dan moitos consellos na aula: ide por este camiño que é máis fácil, este método é mellor, cambia de liña, escribe ben,..... Evidentemente algúns xa teñen éxito con ou sen consellos, con ou sen normas. Nese caso o regateo ten que finalizar a favor do alumno, digamos que se sacas un 10 co pupitre feito un caos sigue así e deixemos o regateo e se sacas un 10 sen seguir os meus consellos non os sigas.
Carlos, pon o que queiras no pupitre!!! Pero espero que a maioría me fagades caso e ordenedes o espazo de traballo, :)

20 abr 2012

zero


Estamos rematando os traballos para o II Concurso Incubadora de Sondaxes e Experimentos,é por iso que temos o blog algo parado, non nos dá o tempo para máis
SGAPEIO, a organizadora do concurso ampliou o prazo de entrega dos traballos ata o 15 de maio.
Este curso participamos dous grupos do noso instituto, o grupo de 1º de ESO está realizando o estudio  sobre reciclaxe dos residuos domésticos, a enquisa que cubristes a primeiros de marzo. Adiantamos que están moi divididas as opinións sobre o uso de somieres para pechar fincas, :). O grupo de 2ª de ESO está facendo un traballo moi bonito que xa vos poremos aquí a finais de curso, estamos cos últimos retoques nos dous traballos e esperamos entregalos esta semana, para poder dedicarnos a outras cousas, que levamos unha sobredose de estatística.
Déixovos esta curiosa curta, sobre o duro que é ser pouca cousa neste mundo. En CC podedes subtitulalo en español. Espero que vos guste.

24 mar 2012

Números na prensa

"Periodismo con números para gente de letras" é o título desta amena e interesante conferencia de Josu Menzo, profesor na Universidade de Castilla-La Mancha. A conferencia é do 9 de febreiro de 2012 e formou parte dunha actividade de Medialab-Prado (Concello de Madrid) sobre formación en xornalismo de datos, dura unha hora pero non ten desperdicio. Excelente profesor que nos deixa este documento no que ademais de poñernos en alerta ante os datos que nos invaden a diario tamén nos explica estatística básica.
Menzo no seu blog  Malaprensa fai unha análise crítica da prensa española, mostrando noticias con números equivocados, gráficos incorrectos, erros lóxicos ou conceptuais, mala interpretación de estatísticas...

22 mar 2012

Estudantes fartos e sen futuro?


Dous vídeos de dúas organizacións de estudantes que teñen presenza en Ourense, a Liga estudantil galega e Estudantes sen futuro. Nomes ben acaídos para estes tempos que nos toca vivir, tempos nos que se está abrindo unha brecha social na que os ricos van sendo máis ricos e os pobres máis pobres. 
Tamén as matemáticas serven para medir as desigualdades sociais. Para elo usa varios indicadores.
O índice Gini, ideado polo estatístico italiano Corrado Gini é un indicador que mide a cohesión social.  O índice varía de 0 a 1. Canto maior sexa este coeficiente maior é a desigualdade social. O Eurostat, organismo estatístico da Unión Europea é o encargado de publicar periodicamente o índice de Gini.
Nos  últimos datos publicados vemos que en España o coeficiente Gini multiplicado por cen, para facilitar a comparación, pasa de 30,7 en  2004 a 33,9 en 2010, máis de tres puntos de aumento. Ademais no ano 2010 ocupamos o posto terceiro pola cola dos 27 países da Unión europea, só en Lituania e Letonia hai máis desigualdade que en España, a media europea está en 30,5. O coeficiente Gini de Galicia no 2010 é 27,8 menor que en España pero tamén subiu lixeiramente nos últimos anos.
Outro indicador usado para medir a cohesión social é a ratio S80/S20, este calcula o cociente do rendemento total recibido polo 20% da poboación con maior renda (encima do percentil 80) e o recibido polo 20% da poboación con menor renda (baixo o percentil 20). Polo tanto, canto maior é o índice maior é a diferenza entre os ricos e o pobres. Tampouco este indicador é esperanzador, nos últimos datos de Eurostat, España pasa de 5,1 en 2004 a 6,9 en 2010, sendo a media europea 5 e só Letonia nos iguala, ou sexa que se mire o índice que se mire, neste país que vivimos, os ricos van a mellor. A ratio s80/s20 galega no ano 2010 é 4,2 moi inferior a media estatal e a media europea pero tamén subiu unha décima ou dúas se comparamos cos anos 2006  ou 2008 respectivamente.
Hai outros indicadores que miden a cohesión social como o limiar da pobreza, taxa de risco de pobreza etc, os datos de Galicia téndelos nesta páxina do IGE. A nosa comunidade ten mellores cifras que España, afortunadamente.
É moi difícil admitir que esta suposta crise na que nos meteron os supostos mercados serva para que xente se enriqueza mentres a outros os mandan ao paro, a outros nos ameazan con recortes, baixadas de salarios ou nos insultan desde os ministerios poñendo en dúbida a nosa profesionalidade e incluso chegando a dicir que traballamos pouco. Vivir para ver.
Ogallá estes estudantes sen futuro teñan criterio propio, forza e capacidade para construír un futuro e  para non perder, como ben din eles nos vídeos, os dereitos conquistados nunha longa historia dos traballadores.

14 mar 2012

Inspirations


Cristobal Vila escribe na web da súa empresa Etérea estudios "Por fin mi nueva animación “Inspirations” está terminada. Un corto inspirado en trabajos de Escher, y una visión libre sobre cómo podría ser su estudio. Espero que os guste :-)".
Pois si,  gústanos moito, Nature by numbers deixou o listón moi alto pero esta nova creación tamén é impresionante.
Se queres coñecer con máis detalle as matemáticas que hai nesta curta podes consultalo aqui.

8 mar 2012

mulleres

"O poeta debe ser capaz de ver o que os demais non ven, debe ver máis profundamente. E o matemático debe facer o mesmo." Sofia Kovalévskaya
Sen dúbida a mellor serie sobre matemáticas feita en España foi universo matemático de Antonio Perez para TVE. Este capítulo que vos poño "Mujeres matemáticas" é un dos meus preferidos. De non ser por aportacións como esta, seguiriamos pensando que só houbo homes na matemática. 
No ensino secundario falamos de Thales, Pitágoras, Cramer, Rouche, Frobenius, Sarrus, Gauss, Barrow, Bolzano, Newton, Neper, Ruffini, Tartaglia, Weierstrass, L`Hopital, Euler, ... Non hai mulleres matemáticas na historia? hainas, pero poucas en proporción aos homes. Algo terá que ver o conxunto de barreiras sociais e culturais que atoparon as mulleres desde os tempos máis remotos. Por dicir algunhas: as crenzas de que as mulleres non tiñan talento científico (Kant chegaba a dicir que era tan posible que unha muller tivese barba como que sentise preocupación pola xeometría; o matemático De Morgan consideraba as mulleres débiles e sen preparación física para actividades científicas), as dificultades que tiveron para obter unha educación matemática (nin sequera podían ir a universidade) e por suposto as tarefas que tiñan e aínda teñen encomendadas as mulleres (cociñar, limpar, educar aos fillos, coidar, administrar...)

Teano, Hypatia, Agnesi, Ada Byron, Sophie Germain, Sofia Kovalévskaya, Marquesa De Chatelet, Emmy Noether, Carolina Herschel, Mary Somerville, Grace Hopper, Mary Everest Boole, Florence Nightingale.... Ao mellor aínda hai quen pensa que non son coñecidas porque o que fixeron non é importante, mirade o vídeo e opinade, e tende en conta que igual que o binomio de Newton ten nome tamén o diagrama de sectores podería chamarse diagrama de Nigtingale, por poñer un exemplo sinxelo.

6 mar 2012

Ou un ou o outro

Cóntame Blanca, a profe de música, que hai un debate na rede sobre cal destas calculadoras calcula ben. Parece que no debate van moi igualados, hai tantos a favor dunha como a favor da outra. Eu, de momento, vou dicindo que un dos resultados está mal, ou vale 1 ou vale 9, non hai outra !!! Podedes opinar, :)